Sexa por acción ou omisión os concellos, exceden o seu límite económico provocando un déficit encadeado
Resulta de dubidosa lexitimidade e mesmo de cuestionada legalidade que os Concellos destinen os seus medios a labores de competencia allea
Na actualidade, os concellos á marxe do signo políticos do seu goberno, atópanse sumidos na peor situación económica desde a instauración da democracia, co agravante engadido da advertencia do Goberno quen adianta que amais dos atrasos relativos ás liquidacións de períodos anteriores, non incrementará a súa achega nos orzamentos do 2009, situación que ameaza a quebra técnica da maioría das entidades municipais, e a solución contrariamente á aspiración das corporacións, non pasa por liberalizar as marxes de endebedamento restrinxidos actualmente pola Lei de Estabilidade, pois esta aspiración ilexítima salvo moratoria permisiva, sería unha "solución artimaña" e faría que fosen os administrados directos quen acabasen pagando os resultados desta medida.
A participación nos ingresos do estado a través de transferencias correntes representa a principal fonte de financiamento dos Concellos, pero os criterios de repartición fundamentados en índices de poboación, esforzo fiscal e inverso da capacidade recadatoria, para entes locais como os que conforman a nosa unidade xeográfica comarcal que consecuencia da reconversión do sector naval sufriron unha alta mobilidade poboacional e elevada mingua do censo residente, a aplicación dun índice baseado en poboación cun 75% de peso específico, mais que un criterio de distribución equitativa constitúe a consumación e prorroga dun prexuízo histórico, que paradoxalmente os nosos concelleiros consenten sen reparo xa sexa por gregarismo, abandono de responsabilidade ou porque o silencio resulta ser bo protector.
Habería que engadir ao xa referido, que outro dos índices de aplicación como resulta ser o esforzo fiscal, evidencian unha penalidade concorrente por canto nunha comarca en crise crónica desde o ano 83,como ferrolterra, as políticas impositivas debían manter criterios de moderación máxime se era a propia administración do Estado quen predicaba co exemplo e mantiña o seu patrimonio dependente en permanente situación de exención impositiva.
Outro dos sustentos dos orzamentos municipais provén das actividades vinculadas ao urbanismo e o solo, pois ben, o actual receso do sector inmobiliario afectará de modo inmediato ás economías municipais, que notarán unha reducción substancial no seu volume de recadación; pois esa parada sectorial, terá unha incidencia transcendente nos ingresos que viñan xerando por aplicación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras,( ICIO / 4,64%), habendo de engadir a paralización de transmisións e o descenso dos ingresos en concepto do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana "plusvalía municipal" (IIVTNU / 2,91%), e igualmente en razón a ese obstrución a medio prazo reterase a progresión recadatoria en concepto doutro aspecto impositivo de forte peso nos ingresos municipais tal é o Imposto de Bens Inmobles,(IBI / 14,93%), do mesmo xeito que outras taxas complementarias do desenvolvemento inmobiliario (4,76%).Pero se as expectativas de ingresos falan por se só e en gran parte son froito de factores esóxenos, a política do gasto público é responsabilidade única dos gobernos municipais que ben sexa por acción ou omisión exceden o seu límite económico provocando un déficit encadeado, é dicir, como práctica usual o gasto excede con creces os ingresos consolidados.Os concellos teñen competencias obrigatorias atribuídas expresamente na Lei de Bases de Réxime Local, e por tanto, a súa masa orzamentaria debe satisfacer folgadamente o cumprimento desas obrigacións, pero existe un feito certo, as administracións supra - municipais non só non lles garanten a estabilidade financeira para atender as cargas recoñecidas; senón que coas súas decisións políticas repercuten de modo sutil, labores extra sen dotación orzamentaria de acompañamento, "gastos impropios", véxase senón como mostra a aplicación de Lei de Dependencia.
Pois ben, resulta de dubidosa lexitimidade e mesmo de cuestionada legalidade que os Concellos destinen os seus medios a labores de competencia allea. Non é de recibo que os "gastos impropios" ou de " suplencias" absorban un 30% do monto orzamentario sen garantías de reversión, pois esta practica aparte de perversa, é unha irresponsabilidade e unha indecencia política dos gobernos que toleran o destino de fondos propios para atender funcións ou desenvolver actividades contrarias ao seu marco de obrigacións, pois o erario publico é pertenza dos cidadáns que outorgaron credenciais para a súa administración pero non para seu malgaste.
En sínteses, é posible que concelleiros/as e alcaldes/as en activo consideren o contido do exposto como algo insólito, pero iso non é o que me preocupa, só persigo que o lector, perciba e entenda a necesidade dun cambio de rumbo xeral no quefacer municipal e que como precaución ao actual estado de deterioración, entendan preciso a aplicación urxente de medidas de austeridade no gasto público e que desde unha óptica municipalista e nun ámbito xeográfico como o noso, coido que como paso previo deben reconducirse políticas correctoras nos seguintes frontes
Esixencia á administración xeral de Estado da débeda histórica consecuencia da prestación de servicios diferidos sen acompañamento orzamentario. Instar vía urxencia a Reforma do Financiamento Local a fin de establecer con temporalidade anticipada a participación dos Concellos nas prestacións da Deputación Provincial, nos impostos autonómicos e asemade o incremento das transferencia corrente do Estado cun avance estimado a unha temporalidade cuatrienal.
Cancelación total de subvencións, mantendo tan só vixentes as que incentiven a economía e aquelas que atendan a satisfacer fins de xustificado carácter social.Aplicación aos soldos de alcaldes, concelleiros e persoal de confianza do porcentual diferencial do IPC interanual precedido do signo resultante.
Redución axustada á realidade do gasto, de dietas e demais gastos de representación dos membros da corporación, asesores e persoal de confianza.Supresión das asignacións municipal aos grupos políticos que en boa lóxica alomenos en épocas de crise, han estar financiados polas bases militantes ou simpatizante que non polas arcas públicas.
Diminución ao xustificadamente imprescindible dos actuais gastos de publicidade e protocolo
Aplicación vía urxencia de plans efectivos de aforro enerxético, tanto en edificios públicos como en iluminación viaria e igualmente racionalización e retención de consumo dos medios audio - visuais
Cancelación ou peche de funcións / servizos ou actividades municipais que sen ser imprescindibles para a vida dos cidadáns, prexudiquen notoriamente a economía dos concellos.
Estancamento da presión fiscal limitando calquera revisión ao 20% do IPC no ámbito xeral e conxelación total tanto ás familias en emerxencia social como as pequenas empresa que xustifiquen a creación de emprego.
Externalización dos servicios públicos sobre pautas de absorción laboral e mantemento dos prezos públicos.
Esixir desde o conxunto de concellos da comarca o levantamento do veto que pesa sobre a empresa Navantia - Fene a fin de posibilitar a súa incorporación ao mercado naval tradicional como solución de alternativa laboral a excedentes de sectores en crise.
Demandar a potenciación da formación continua con ampliación de especialidades e maior achega investidora en colaboración cos centros homologados
Propiciar vías de dialogo social ante a crise no senso de acadar "solucións participadas" e deste xeito enriquecer alternativas e garantir a súa dinamización e eficacia.Constitución dunha comisión mixta de "control participado" con presenza dos axentes sociais que se encargaría adicionalmente ao xa referido, da elaboración, seguimento e xestión dun Plan Estratéxico de Reactivación e Saneamento Municipal.
Este conxunto de propostas aínda que amparadas na racionalidade, non conforman ningún receitario máxico nin contarán coa adhesión da familia política, pero dou por seguro que uniformarán posturas de réplica, pero dáme igual, pois coñezo ben a quen fai de cada solución un problema.
En Fene a 25 de Outubro de 2008 Asdo.- Xosemanuel Galdo - Fonte