Os máis de 300 asistentes á cea de despedida do inspector-coordinador da Policía Xudicial de Aveiro dificilmente podían imaxina-lo balbordo que ocasionou o seu "fin de festa". Ó remate da noite, por orde da organización do evento, apareceu unha señorita que comezou a espirse diante de fiscais, de policías e mesmo do director xeral do corpo. En Portugal, xa hai quen pide demisións por consentir este "strip-tease".
E é que as autoridades alí presentes só abandonaron a sala cando apareceron os fotógrafos de varios medios de comunicación a "inmortalizar" o festexo. Ata daquela, todo o mundo se dedicara a gozar do espectáculo, realizado a pasado venres pola noite.
Ó día seguinte, a dirección da Policía Xudicial decidiu abrir un proceso para "depurar responsabilidades" polo acontecido, xa que "esta ocorrencia" pode "desvirtua-lo prestixio e a imaxe de toda a institución".
A todo isto, o "homenaxeado", o antigo inspector-coordinador da PJ (Polícia Judiciária) de Aveiro declarou que se está a dramatizar excesivamente un episiodio que non deixa de ser unha "broma de mal gusto". Dias Costa marcha retirado despois de 25 anos de servicio, pero co recordo dunha "festa bonita" que acabou en escándalo por un strip-tease e uns fotógrafos inoportunos.