A comezos de ano celebrouse en Madrid un seminario sobre campos electromagnéticos e saúde, organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación e o Colexio Oficial de Físicos de Madrid. Con este motivo, a Asociación de Estudios Xeobiolóxicos (GEA) divulgou un comunicado no que salienta como unha das principais conclusións dos debates do seminario a urxente necesidade de información veraz que demanda, cada vez con maior forza, a sociedade española. En Galicia está a medrar a oposición veciñal á instalación de antenas de telefonía móbil e tendidos eléctricos perto de lugares habitados.
GEA louva a decisión do Ministerio de Sanidade de crear unha comisión nacional, integrada por enxeñeiros, médicos e físicos, para estudiar os efectos das radiacións electromagnéticas sobre as persoas, incluído o posíbel risco derivado do uso do teléfono móbil.
GEA amosa o seu total desacordo coa postura oficial adoptada polos responsábeis de compañias eléctricas e telefónicas participantes no devandito seminario coa súa reiterada política de desinformación ao consumidor, a quen nega constantemente a evidencia, cada día mellor probada por foros científicos independentes, dos efectos prexudiciais para a saúde derivados dunha exposición aos campos electromagnéticos orixinados polas súas instalacións de distribución de enerxía eléctrica ou estacións repetidoras de telefonía móbil.
As investigacións que pretenden demostrar a inocuidade para a saúde humana da exposición a campos electromagnéticos foron desenvolvidas por laboratorios ou universidades nas que é fácil entrever un nexo, xeralmente de tipo económico coas compañías eléctricas e telefónicas.
José Luis Bardasano, profesor da Facultade de Medicina da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid), afirma que unha contaminación electromagnética continuada desaxusta
o 'reloxo biolóxico' do ser humano e que as radiacións rompen os ritmos vitais porque inflúen na producción de melatonina, a hormona que segrega a glándula pineal e que actúa, entre otras funcións, como inductor do sono. As súas investigacións demostraron que
a diminución dos índices de melatonina desencadea trastornos endocrinos, nerviosos
e psiquiátricos, ademais de ocasionar alteracións no ritmo celular que poden influír na formación de tumores en persoas predispostas.
O biólogo molecular e médico John Gofman sostén que as razóns para prohibir a
exposición a carcinóxenos son éticas. Se vostede contamina sen saber se existe unha
dose segura, vostede está levando a cabo experimentación indebida en persoas sen informalas e sen o seu consentemento... Se vostede contamina sabendo que non existe unha dose segura con respecto a causar máis casos de cancros mortais dos
que hai normalmente, entón vostede está cometendo asasinatos aleatorios premeditados".