O Ateneo Ferrolán vén de convocar a décima edición do concurso de gaita galega Constantino Bellón, certame xa consolidado e de prestixio no eido musical. Ademais do premio que leva o nome do mestre gaiteiro, e das mencións honoríficas de ouro e prata, a entidade concederá o galardón Gaiteiro de Soutelo ao mellor intérprete de fóra de Galicia.
Un máximo de catorce gaiteiros serán seleccionados polos responsables do Ateneo Ferrolán para a final do concurso de gaita galega Constantino Bellón, que este ano chega á súa décima edición. Os participantes deberán presentar a súa candidatura antes do 26 de xullo.
As bases deste certame musical establecen que os concursantes deben enviar, baixo seudónimo, unha gravación da peza Outonía, de Xosé X. Presedo, ademais dun tema inédito composto especialmente para o concurso. Tamén teñen que interpretar unha composición tradicional ou de autor.
Dos catorces candidatos seleccionados, dez competirán polo premio Constantino Bellón e catro, polo Gaiteiro de Soutelo. Esta última modalidade está convocada pola Secretaría de Relacións coas Comunidades Galegas da Xunta de Galicia, que costeará os gastos de desprazamento e aloxamento dos catro concursantes. Serán seleccionados dous músicos do continente americano, un español e outro do resto de Europa.
O gañador do concurso obterá un premio de 300.000 pesetas e o resto dos finalistas, unha peza de cerámica de Sargadelos que reproduce un óleo de Luís Seoane cedido como imaxe do concurso. Ademais, o Ateneo Ferrolán patrocinará a gravación do concurso e a súa edición en CD.
Xunto cos premios Constantino Bellón e Gaiteiro de Soutelo, a entidade organizadora outorgará, como cada ano, dúas mencións honoríficas que recoñecen o traballo dunha persoa e dunha entidade en defensa ou promoción da gaita galega e do folclore tradicional. Na derradeira edición, as nominacións de ouro e prata foron para Xoán Bello Mallou e para o grupo Os Montes.