Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Homenaxe do Liceo a Cunqueiro e Carvalho Calero

O Liceo Rubia Barcia organiza, dentro das Xornadas das Culturas Atlánticas que se celebran en Ferrol os días 6 e 18 deste mes de maio, dúas cumpridas homenaxes á memoria de Ricardo Carvalho Calero e Álvaro Cunqueiro. Ademais de encontros de carácter literario, o programa das Xornadas inclúe visitas a outras cidades galegas vencelladas cos autores lembrados.

- 08:38 05/05/2000
Tags:

O presidente do Liceo, Lino López, presentou a mediados desta semana o programa de actos das Xornadas das Culturas Atlánticas que propón a entidade para os días 6 e 18 deste mes no que andamos e que renderán homenaxe a Cunqueiro e Carvalho Calero. O concelleiro de Cultura, Bonifacio Borreiros, respaldou a presentación desta iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Ferrol, e manifestou o seu desexo de que teña continuidade en anos vindeiros “conseguindo que renaza a cultura plural de Galiza”.

As homenaxes proxectadas polo Liceo esténdense alén da cidade departamental. Xa o primeiro dos actos previstos para a xornada do 6 de maio consiste nunha ofrenda floral diante da tumba de Álvaro Cunqueiro, no Cemiterio Vello de Mondoñedo. Logo desta cerimonia, o profesor mindoniense Armando Requeixo presentará na Aula Losada Quiroga do Seminario Conciliar Santa Catalina un libro do xornalista Ramón Loureiro titulado “O corazón portugués”, antes de seguir a rota cara á cidade de Lugo.

Durante a visita á cidade das murallas, ademais dun obrigado percorrido cultural, celebrarase unha mesa redonda en torno á figura de Ricardo Carvalho Calero. Será nas dependencias da Galería Sargadelos en Lugo e contará coas intervencións de Carme Blanco, Esperanza Piñeiro de San Miguel e Mario Escudero. Tamén estarán presentes a viúva e fillas do mestre ferrolán.

Aproveitando a visita á zona monumental e ao Museo Provincial, o Liceo Rubia Barcia manifestará a súa adhesión ao proxecto Cumulum, a favor da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. O alcalde lugués, Xesús Clemente Orozco, e o concelleiro de Cultura de Ferrol, Bonifacio Borreiros, participarán nesta xornada. O edil ferrolán xa ten destacado o interese destas xornadas “pola raigame e influencia dos escritores homenaxeados”.

A xornada do 18 de maio marcará o remate deste ciclo dedicado ás Culturas Atlánticas, cunha mesa de debate sobre “O legado de Álvaro Cunqueiro”. O centro cívico de Caranza acollerá este coloquio, no que van participar Luis Alonso Girgado, Carlos Vidal, Mario Couceiro e Armando Requeixo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: