A Xunta nega por escrito calquera axuda para a organización, do xoves 5 ao sábado 7 de agosto, deste festival de música alternativa en Limodre (Fene).
Do 5 ao 7 de agosto, a aldea de Limodre (Fene) volverá acoller unha nova edición do Felipop malia que a Xunta negou en todo momento e por escrito calquera tipo de axuda para a organización, ao contrario que en anos anteriores.
Los Ruínes de Cerdido inaugurarán o xoves o festival de música alternativa que impulsa a Asociación Felicia. Xa o venres, actuarán Collection e Colatonic, de Madrid; Niño y Pistola, de Baiona, e Les Philippes, de Sant Boi de Llobregat.
Por último, o sábado, será a quenda de Los Immediatos, de Toledo; Os Tornados, do Porto; The Rubinoos, dos EUA e prato forte deste Felipop 2010; e Cooper, de León. Os estilos van desde o power pop ao garage, pasando polo punk, sixties e indie. O abono custará 20 euros.