O ex-portavoz en Oleiros anuncia o seu “paso á reserva política” nunha carta aberta non exenta de crítica ao “camiño equivocado” que tomou o Bloque.
Antón Tenreiro, ex-concelleiro e portavoz do BNG en Oleiros, anunciou a súa baixa na fronte nacionalista despois de 33 anos de militancia ininterrompida. Durante todo este tempo, Tenreiro foi militante da UPG, despois quintanista e logo membro de +BNG (agora +Galiza), organización coa que tamén amosou as súas discrepancias nos últimos meses. Agora fixo pública no seu blog a súa renuncia cunha carta aberta que titula 'Paso á reserva política'.
O que tamén fora asesor do Consorcio Galego na anterior lexislatura subliña que agora se centrará “en labores profesionais nas empresas que estou emprendendo e a integrar esa inmensa masa de nacionalistas sen afiliación política que está a traballar por Galiza desde numerosos ámbitos da vida social”.
Nun parágrafo máis crítico apunta que “mentiría se ocultase que esta decisión non ten unha causa de carácter político”, e agrega que “dende o máis profundo respecto ás decisións maioritarias da militancia, entendo que o BNG, dende a saída do Goberno da Xunta ten tomado, ao meu ver, xusto o camiño contrario do que debera”. E aínda máis: “un camiño equivocado, unha volta atrás que non comparto”. Así e todo, matiza: “penso que o BNG segue sendo o único instrumento político que ten este país para se defender e, polo tanto, nese contexto seguirá a ter o meu apoio”.