Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise do IGEA

Debullando unha sentenza que frea o "lóxico" camiño a un modelo federal e confederal

Un conxunto de expertos estudan as repercusións para o autogoberno de Galiza do fallo do Constitucional sobre o Estatut catalán.

Redacción - 10:30 18/07/2010
Tags: Estatuto IGEA

A sentenza do Tribunal Constitucional (TC) impide "a lóxica evolución constitucional de España cara unha estruturación plurinacional en rede, a medio de técnicas federativas e confederativas". Así o expón a primeira parte do informe elaborado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) ao respecto da decisión do TC sobre o Estatut de Cataluña. Conclúen os expertos que o tribunal mesmo impide a simple adaptación xurídico-política "cara a un federalismo real, quer simétrico, quer asimétrico e salienta a unidade do Estado sobre a súa pluralidade, cando os dous son elementos indisociábeis no sistema constitucional do 1978".

Presentada como unha interpretación "dende Galiza e para Galiza", a análise do instituto presidido por Anxo Quintana foi redactada por un equipo científico conformado por Pablo González Mariñas, Xoán Antón Pérez-Lema, Xabier Ferreira Fernández, Álvaro Xosé López Mira, Celso Cancela Outeda, Xabier Martínez Cobas e Ramón del Valle López.

Doutra banda, o documento, logo de acometer a análise estritamente xurídica do texto do TC, censura a falta de capacidade integradora dos maxistrados, cualificando a sentenza de exemplo dunha cultura xurídica "estéril e antiga". Alertan os expertos das "graves restricións á indemnidade e blindaxe competencial ao seguir a permitir a técnica de invasión estatal a medio de normas básicas e xunto coa ratificación do Poder Xudicial como Poder estatal que non admite nin de técnicas de xestión desconcentrada".

Urxencia dun novo Estatuto para Galiza
Nun terceiro chanzo, o informe do IGEA repara nas repercusións específicas para o futuro inmediato do autogoberno galego. Un escenario no que non dubidan en salientar a necesidade da redacción urxente dun novo Estatuto. "Aínda asumindo esta sentenza como parte esencial das regras de xogo, ábrense campos moi importantes para a mellora e ampliación do noso autogoberno que xustifican, dende logo, que as forzas políticas galegas retomen os traballos desenvolvidos ao longo da pasada lexislatura e pacten con urxencia un novo Estatuto que substitúa o actual, que vai cumprir 30 anos e non resposta ás necesidades dunha sociedade moderna e desenvolvida como a galega do século XXI", expoñen.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: