Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Propostas a votación a próxima semana

Naval, leite, pensións... achegas en clave galega ao debate no Congreso

O BNG tamén presenta resolución sobre o afortalamento das políticas sociais. Por outro lado, o PSdeG opina que Zapatero deu "tranquilidade" ao sector lácteo e ás térmicas.

Redacción - 12:00 16/07/2010

Logo do debate desta semana no Congreso, o pleno do parlamento español ten quenda para semana próxima para a votación das propostas de resolución achegadas polos distintos grupos políticos. Para daquela, o BNG destaca as demandas de sectores produtivos galegos como o lácteo, as comarcas mineiras prexudicadas polo Decreto do Carbón, o veto sobre a antiga Astano, as infraestruturas, os núcleos singulares afectados pola Lei de Costas e a preservación dos ríos. Ademais, no eido xeral, o Bloque rexistrou unha proposta sobre o afortalamento das políticas sociais no marco da crise: política fiscal progresiva, servizos sociais e pensións.

De xeito especial, os deputados do BNG en Madrid, Francisco Jorquera e Olalla Fernández Davila, volven ofrecer batalla ao respecto das demandas do sector naval. Nese sentido instan o goberno español a "estabelecer de inmediato negociacións formais no seno da UE solicitando a revisión dos acordos de 2004 que limitan até o 2015 a actividade produtiva do estaleiro de Navantia Fene", impedíndolle construir buques civís.

No que lle toca ao sector leiteiro, os nacionalistas recordan o "fracaso" do pacto subscrito en xullo de 2009 entre goberno español, industria e distribuidoras do leite e organización agrarias, "que non logrou mellorar a situación dos prezos do leite en orixe". Por este motivo, reclaman a regulación das relacións contractuais entre o sector produtivo e a industria "con contratos formais por escrito e por adiantado e que contemplen uns prezos de referencia". Tamén demandan que se traslade á UE a regulación dos contratos no sector do leite e piden que o executivo estatal se reúna co sector para analizar a situación actual e facer balanzo do pacto asinado hai un ano.

Satisfacción do PSdeG
Ao fío do debate anual do Congreso, a coordinadora dos socialistas galegos no Congreso, a luguesa Margarita P.Herraiz, cualificou de "positiva para Galiza" a intervención do presidente do goberno español. Herraiz salientou o "compromiso expresado por Zapatero para manter as centrais térmicas" e para seguir traballando "na súa viabilidade". "As centrais de Meirama e As Pontes gañaron tranquilidade", afirmou.

A deputada socialista tamén cualificou de "moi positivo" o anuncio realizado por Zapatero ao respecto dos acordos acadados no marco da UE "no sentido de que os contratos entre produtores e industria sexan obrigatorios, que se poidan acordar prezos e que se mellore o etiquetado incorporando a orixe dos produtos". "Estas medidas son de gran importancia para Galiza, onde se produce o 37% do total da produción leiteira de España e veñen sumarse ás vantaxes que para o sector supón o Plan Estratéxico", avaliou.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: