Entramos na recta final do certame A Polo Ghit. Para este mesmo venres agardabamos poder facer pública xa a peza gañadora e as finalistas da edición deste ano. Mais, pregámosvos disculpedes, as calores do verán dilatarán un chisquiño máis esa cita co ghit 2010.
Con todo, o xurado traballa duro xa na peneira dos 31 temas recibidos nesta edición. Aproveitamos para presentárvolos:
Á fronte, e como padriño deste xuri 2010, temos ao compositor e cantante
Xil Ríos. O gran Xil, auténtica referencia da música galega, fixo espazo na súa axenda e entre ocupacións persoais e profesionais sacará tempo para expresar a súa opinión sobre o que pode e debe ser o ghit do verán 2010. Recordámosvos que anda agora mesmo en plena presentación do seu novo disco:
Son da Alma.
E velaí outro nome de referencia, ademais de padriño, temos madriña para o ghit do verán. É
Ugía Pedreira, integrante entre outros do proxecto Marful. Do seu compromiso da música do país hai múltiples mostras, entre moitas salientábeis, o seu traballo como fundadora do
Conservatorio Folque.
Temos ademais o pracer de contar tamén para este xurado con outros dous auténticos expertos no eido musical. Dunha banda, axudará na procura da canción deste verán
Roxelio García, o creador do espazo web
Festa a festa, o guieiro de referencia sobre a actualidade das orquestras e verbenas do país.
E o cuarto integrante, outra referencia destacada no seguimento da actualidade musical:
Uxío Broullón. Alén do seu perfil como ilustrador, viñetista e deseñador, o Uxío ten sido colaborador radiofónico de varios espazos musicais. Na súa calidade de experto coñecedor e divulgador das músicas baixo licenza creative commons, mantén na rede un falangullo de referencia: o programa
Cmmons baby!.
A todos eles lles corresponderá a difícil decisión. En breve en Vieiros, o desenlace final deste
A Polo Ghit 2010