Desde esta cuarta feira até o sábado, un roteiro ciclista que estivo o último mes por Irlanda percorrerá a zona para denunciar as moitas ameazas ambientais na comarca.
"Xa chega!!", avisan desde a Unión Libertaria (UL). É a 'Bicicaravana [antipetroleira] en defensa da terra' que esta cuarta feira vai iniciar un percorrido pola comarca de Ferrol para denunciar as moitas ameazas ambientais.
"Como o da mina de andalucita que se pretende instalar na zona de Goente pondo en perigo a riqueza e biodiversidade das Fragas do Eume; os distintos puntos negros de contaminación, recheos e desfeitas na ría de Ferrol; e a perigosa barbarie que supón a instalación da planta regasificadora de Reganosa", din desde a UL, que organiza a caravana coa colaboración de Adega.
Por iso, animan a apoiar a marcha nas distintas etapas e días, participando nos roteiros programados, nas charlas e na festa reivindicativa prevista para o sábado en Mugardos. "E tempo de berrar e de pedalear!!!", afirman.
A caravana que chegará esta cuarta feira á Ferrolterra é a mesma que partiu o pasado mes de maio desde Madrid cara a Irlanda para protestar contra o gaseoducto experimental de alta presión que a compañía Shell pretende facer pasar por unha reserva da biosfera no noroeste da illa.