O ministro de Traballo recoñece que non está claro o futuro dun salario excepcional que na actualidade perciben no Estado Español case 500 mil persoas.
Celestino Corbacho
No Estado Español hai perto de medio millón de persoas (máis de 25 mil persoas en Galiza) sen emprego que están a percibir unha axuda de 420 euros cada mes. Os beneficiarios deste salario extraordinario son desempregados que xa remataron o subsidio de desemprego ao que tiñan dereito, seguen se atopar unha ocupación remunerada e teñen uns recursos económicos moi limitados.
O goberno de Rodríguez Zapatero puxo en marcha estas axudas a mediados de 2009, cando os efectos da crise comezaban a notarse con máis intensidade. Os parados sen ingresos que cumprisen os requisitos podían acollerse a esta paga extraordinaria durante un período máximo de seis meses (ver condicións para acceder a esta axuda excepcional).
Mais en plena guerra contra o déficit público, este tipo de axudas poden ser só pasado. Este mesmo xoves, o ministro de Traballo, Celestino Corbacho, recoñeceu que o executivo ao que pertence terá que debater se vai manter este subsidio especial no ano 2011.
O ministro deixou a dúbida no ar e lembrou que despois do verán o goberno español terá que presentar os orzamento do vindeiro ano e haberá partidas económicas (como a do subsidio especial) que se poden ver afectadas.
Outono quente: Reforma laboral, pensións...
Despois do verán o goberno estatal terá que tomar decisións cruciais. Unha das máis agardadas é a confección dun orzamento que volverá estar marcado pola redución do gasto público. En setembro tamén estará perfilado o proxecto de reforma laboral xa aprobado en primeira instancia polo Consello de Ministros e que entra agora en fase de negociación política co resto de grupos.
Mais tamén en outono tamén podería estar marcado por outro gran debate polémico: A reforma do sistema de pensións. Tal e como lle indica o FMI e a UE, o executivo de Rodríguez Zapatero semella estar disposto a propoñer en firme un aumento a 67 anos da idade mínima de xubilación.