O galardón, que entrega a Fundación Otero Pedrayo, recoñece os méritos do ex-presidente da RAG como galeguista e renovador da historiografía galega.
Barreiro Fernández representa unha das figuras máis sobranceiras da historiografía galega contemporánea
Xosé Ramón Barreiro Fernández súmase este domingo ao longo listado de intelectuais que recibiron o galardón que cada ano entrega a Fundación Otero Pedrayo, o Premio Trasalba. O seu nome engádese agora aos de Francisco Fernández del Riego (1988), Isaac Díaz Pardo (1993), Xesús Alonso Montero (2000), Xosé Neira Vilas (2004) ou, o último en recibilo, Xosé Manuel Beiras (2009), xunto a moitos persoeiros que traballaron a prol da nosa cultura.
Segundo a Fundación, a valoración que fan da figura de Xosé Ramón Barrero “está relacionada coa súa traxectoria ao servizo da cultura galega, na liña histórica que representa a memoria de Otero Pedrayo e a Xeración Nós, atendendo aos seus méritos como intelectual galeguista e, moi principalmente, como renovador da historiografía galega”. O premio entrégase, como cada ano, nunha festa literaria que se celebra na Casa Grande de Cimadevila, en Trasalba (Ourense).
Traxectoria
Xosé Ramón Barreiro Fernández naceu en Ribeira (A Coruña) en 1936 e a súa labor sempre estivo ligada á cultura de Galiza. Foi catedrático de Historia Contemporánea de Galiza na USC, onde desempeñou as funcións de decano da Facultade de Xeografía e Historia e vicerreitor. Dende 2001 ata o 23 de xaneiro de 2010, Barreiro foi presidente da Real Academia Galega (RAG), substituíndo a Francisco Fernández del Riego, co que colaborou moi estreitamente na renovación da institución.
As achegas literarias de Xosé Ramón Barreiro abarcan diversos campos como o xurídico, o histórico e o da investigación, eido no que se centrou na historia contemporánea de Galiza.. Dentro da súa actividade como investigador, merece unha mención especial a súa atención a Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG e figura sinalada no Rexurdimento galego do século XIX. Na actualidade, Barreiro prepara unha importante biografía sobre o escritor que se publicará previsibelmente durante este ano.