O río está ameazado polas pretensións económicas de Ferroatlántica, que quere construír outras tres novas centrais hidroeléctricas.
Foi moi comentada a inauguración de Fraga fixo da fervenza, despois dunha concesión hidroeléctrica
O Xallas é o río con máis potencia hidroeléctrica instalada na bacia Galiza-Costa. Porén, na actualidade aínda está ameazado polos obxectivos económicos de Ferroatlántica, que ten proxectos para a construción de outras tres novas centrais nun treito do Xallas que xa conta con cinco aproveitamentos hidroeléctricos e catro encoros.
O colectivo ecoloxista Adega, quen xa denunciou en varias ocasións que a concesión de novos aproveitamentos neste río impiden a capacidade da súa recuperación ambiental comprometendo gravemente a súa viabilidade ecolóxica, organiza este domingo un roteiro reivindicativo en defensa do Xallas.
Esta será a última rota que organiza Adega este ano, despois de percorrer diferentes territorios naturais da nosa xeografía. Dende o colectivo subliñan que “a paisaxe e a natureza destes lares é espectacular” e que o camiño ofrecerá a posibilidade de observar algúns dos poucos treitos de río virxes que se conservan ou contemplar a Devesa de Anllares, única por ser o bosque atlántico máis occidental de Europa.
O inicio do roteiro terá lugar en Ponte Olveira, no límite entre os concellos de Mazaricos e Dumbría, se ben hai autobuses que saen dende Lugo (Escola de Maxisterio) e dende Compostela (Pazo de Congresos). O percorrido será aproximadamente de 15 quilómetros á beira do Xallas, de dificultade media-baixa e trazado suave.