Acudirá ao TSXG para denunciar que a orde da Xunta "provocará danos irreversíbeis para o medio ambiente".
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) anunciou este mércores que vai presentar un recurso contencioso administrativo para que se anule a orde para a creación de novos parques eólicos (publicada no DOG o pasado 31 de marzo).
A agrupación de asociacións ecoloxistas considera que a Consellaría de Economía e Industria pretende acadar 2.325 MW máis de produción eólicao que “conleva danos irreversíbeis sobre o medio ambiente galego”. A FEG subliña que os principais problemas virían dados, na maioría dos casos, pola ocupación de hábitats naturais de especial valor medioambiental.
Denuncian que a consellaría de Economía e Industria está a liderar “o segundo intento planificado dunha das maiores agresións ambientais aos conxunto do país.” Por iso, dende a FEG consideran que antes de levar a cabo a orde da Xunta debe cumprirse a Directiva de Hábitats, a de Aves, a Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e a Lei de Protección da Paisaxe de Galiza.
Os servizos xurídicos da FEG esgrimen esta lexislación para intentar que o TSXG paralice a orde eólica. Os ecoloxistas subliñan que están a prol da produción de enerxía renovábel mais lembran a premisa básica de garantir o medio ambiente galego.