Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Queixas á Xunta polas axudas municipais

Hai un "favoritismo desmedido" cos concellos do PP, insiste a oposición

Logo de que o reparto equilibrado e independente da cor política fora preocupación do bipartito, repítense as acusacións de "cacicada" e "partidismo" ao actual executivo.

Redacción - 11:00 23/06/2010
Mapa político municipal á saída das urnas en 2007 / Imaxe: Especial de Vieiros Municipais2007

Mapa político municipal á saída das urnas en 2007 / Imaxe: Especial de Vieiros Municipais2007

Unha das preocupacións máis subliñadas desde os primeiros tempos da chegada ao goberno en 2005 da coalición de socialistas e nacionalistas era a viraxe nas políticas de distribución de axudas aos concellos do país. PSdeG e BNG acusaran reiteradamente durante anos o PP de favorecer claramente os municipios con goberno do PP e negarlles investimentos ou mesmo manter actitudes hostís fronte aos concellos pilotados por PSOE ou Bloque.

As verbas "reequilibrio" e axuda independente da "cor política" foron reiteradas en diversas ocasións polos daquela presidente, Emilio Pérez Touriño, e vicepresidente, Anxo Quintana. Ás portas dos comicios municipais de 2007, a defensa da viraxe no outorgamento de inxeccións económicas aos concellos foi un dos argumentos de socialistas e nacionalistas. "Agora dánselle cartos a todos e sen mirar a cor política", subliñaban Touriño e Quintana.

Volta ás "vellas manobras"
Desde o cambio de goberno en 2009, as acusacións de volta ao reparto aos concellos en función da cor da formación política gobernante volven ao primeiro plano. O pasado verán por exemplo, o deputado nacionalista Henrique Viéitez xa esixía que a Xunta aclarase no marco da Fegamp os criterios que estaba aplicando. Denunciaba Viéitez que a figura dos 'superdelegados' estaba sendo un dos mecanismos usados polo PP para "controlar recursos públicos e instrumentalizar" ao servizo do partido, esquecendo os baremos obxectivos aplicados na anterior lexislatura.

Un ano despois a situación semella ter empeorado. "O PP volve xogar coa ilegalidade, porque non teñen en conta para nada nin os criterios nin as valoracións dos programas solicitados polos concellos, resolvendo de xeito arbitrario e sabendo de que é inxusto e presuntamente ilegal". É a valoración que fai esta semana o voceiro na área de Traballo do grupo parlamentario do PSdeG, Xosé Tomé Roca, quen acusa ademais a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, de modificar as comisións de valoración en pleno procedemento e sen dar explicacións.

Tomé Roca pon o exemplo da provincia de Lugo, onde só se concedeu axuda a catro concellos, e todos gobernados polo PP (Láncara, Cervo, O Saviñao e Ourol). Mentres, os proxectos de concellos como Monforte (con goberno do BNG), o segundo en número de habitantes da provincia e con máis de 1.500 desempregados, non recibiu nin un euro. Unha evidencia do que na súa opinión é unha actitude da consellaría de Traballo baseada no "abuso de autoridade" cun "favoritismo desmedido, inxusto e partidista, que supón un atropelo".

"Supón unha burla aos parados de Galiza", denuncia o deputado socialista que aproveita para contrapoñer a actuación do actual Goberno coa do executivo anterior. Recorda Tomé que entre 2006 e 2008 o bipartito distribuíu neste apartado unha media por parado de 275 euros e que se fixo un reparto equilibrado entre concellos, independentemente da cor política, e mesmo a media recibida polos municipios con goberno do PP quedou un chisco por riba dos outros. Unha diferencia no proceder que para o socialista é exemplo do "despotismo político" co que xestiona o PP os cartos públicos.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: