O festival incorpora na edición deste ano o remodelado auditorio municipal e a posibilidade de adquirir abonos para todos os concertos.
Arranca esta cuarta feira en Vigo unha nova edición do Imaxina Sons. A apertura do festival correrá a cargo do pianista francés Martial Solal na sala de concertos do Centro Cultural Caixanova e a clausura, o vindeiro 4 de xullo irá da man do Dave Douglas Quintet. Como novidades no funcionamento deste ano, cómpre salientar a incorporación do remodelado auditorio municipal como espazo de Imaxina Sons e a posibilidade de adquirir abonos para todos os concertos.
O concelleiro de Cultura, Xesús López, valorou positivamente o papel do evento "no mapa dos grandes festivais europeos". "Se ben é un festival que se centra no jazz europeo, tamén é verdade que fai incursións no jazz producido desde Latinoamérica ou Norteamérica", sinalou. Ademais, valorou a consideración que se lle outorga ao jazz galego: "O festival vai medrando de forma parella a como o vai facendo o jazz en Galiza".
Ademais de Martial Solal, que o director artístico do festival, Baldo Martínez, o considera "o Tete Montoliu francés", pasarán polo Imaxina Sons: Root Africaine (27 xuño) e Dave Douglas (4 xullo), os tres concertos de Caixanova. No MARCO: Pierre Favre Solo (28 xuño), Carlos Zíngaro Solo (29 xuño) e Marisco Fresco (30 xuño). E no Auditorio Municipal: Red Trio + John Butcher (1 xullo), Arild Andersen Trio (2 xullo), Franz Koglmann Monoblue Quartet (3 xullo) e Atlantic Bridge (4 xullo).