Acusan o voceiro nacional de desentenderse do problema e á secretaria de Organización de "amparar a amputación selectiva do censo para configurar maiorías da UPG".
Unha semana despois de dirixírense ao voceiro nacional e á executiva nacional do BNG para reclamar a celebración dun Consello Nacional que tratase os recursos presentados por militantes do BNG "contra a súa exclusión do censo para a elaboración das listas das municipais", desde o Encontro Irmandiño (EI) critican non ter recibido resposta.
Sinalan desde EI que o único xesto desde a executiva até o de agora foi a resposta da secretaria de Organización, Montse Prado, aos excluídos na que "confirma a exclusión en base ao acordo do Consello Nacional do 15/05/2010 que como demostra o simple cotexo cos Estatutos, é radicalmente nulo". "Non nos pode sorprender o proceder da secretaria de Organización se foi ela quen previamente amparou a amputación selectiva do censo para configurar maiorías da UPG nas cidades", denuncian.
Ao tempo, cualifican de "máis sorprendente" a resposta do Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez, que o pasado mércores "despachou o asunto dicindo a Europapress que os problemas que haxa, si hai que resolvelos, resolveranse ... e si non teñen solución, pois tampouco hai que estresarse". "Se se trata así os dereitos dos da casa a conclusión da cidadanía será que os de fora non poden agardar nada mellor", láianse. "Nesta situación so nos queda apelar á maioría do CN que sabemos está en contra das exclusións arbitrarias para poñer fin a manipulación da UPG no censo do BNG", expoñen desde o Encontro Irmandiño.