Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ISABEL PIRES NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

En tempos de crise, a resposta pode e debe ser cultural

A que fora ministra portuguesa defendeu a cultura como un eixo fundamental da economía como produtora de riqueza e competitividade.

Redacción - 12:00 18/06/2010
Isabel Pires é catedrática da Facultade de Letras da Universidade do Porto e foi  ministra de Cultura de Portugal (2005-2008)

Isabel Pires é catedrática da Facultade de Letras da Universidade do Porto e foi ministra de Cultura de Portugal (2005-2008)

“É necesario aproveitar as oportunidades da Cultura en tempos de crise”. Este foi o chamado que fixo Isabel Pires de Lima, catedrática da Facultade de Letras da Universidade do Porto, ex-deputada da Assembleia da República e ex-ministra de Cultura de Portugal (2005-2008) nunhas xornadas celebradas no Consello da Cultura Galega (CCG).

Nun relatorio titulado “A Cultura e o novo mundo”, Pires afirmou que a cultura representa, cada vez máis, un eixo fundamental de desenvolvemento e definición das estratexias tanto económicas como sociais, tecnolóxicas e educacionais. A produción de contidos creativos innovadores, dixo, representan un importante factor produtor de riqueza e de competitividade.

A Cultura ofrece oportunidades
“Ábrese para a cultura un novo mundo”, dixo ao tempo que aludiu as mudanzas que levan a encarar de diferente xeito as estreitas relacións entre a economía e a cultura, mais tamén entre a cultura e educación, turismo ou diplomacia. Nesa liña, lembrou que as sociedades modernas son cada vez máis multiculturais e, en consecuencia, requiren do diálogo cultural para a súa cohesión e para impedir a creación de barreiras entre sociedades culturalmente diferenciadas.

Finalmente, a ex-ministra de Cultura portuguesa considerou de primordial importancia desenvolver unha nova e máis ambiciosa acción para o sector cultural, baseada en estratexias integradas e coordenadas que reforcen a súa ligazón efectiva ó mundo real. Desde a súa análise entende que “as políticas de cultura están destinadas a gañar máis espazo e coherencia na gobernación europea”.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: