Tomás Fole resultou reelixido como presidente local cun 57,3% dos votos fronte á candidatura avalada polo presidente provincial, a de Xabier Puertas.
Tomás Fole sumou o 57,3% dos votos
Por unha diferencia de 92 votos, Tomás Fole recuncou esta fin de semana na presidencia do comité local do PPdeG de Vilagarcia. Impúxose á candidatura encabezada por Xabier Puertas, presidente da Autoridade Portuaria desta cidade e avalado polo presidente provincial, Rafael Louzán. A candidatura de Puertas presentara máis avais que a de Fole, mais, unha vez eliminados os “duplicados ou nulos”, o actual presidente local contou con 412 apoios válidos, mentres que o equipo do seu opoñente reuniu 384.
Ausencia de Feijoo, Louzán recibido entre apupos
Nun acto no que non estivo presente Alberto Núñez Feijoo, Fole agradeceu a participación e o apoio: “Non terei tempo suficiente na vida”, dixo, “para agradecer o traballo de tanta xente”. Finalizado o encontro, chegaron ao recinto feiral Rafael Louzán e Alfonso Ruedo, acompañados pola conselleira de Mar, Rosa Quintana; o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández; ou a deputada no Congreso, Ana Pastor, entre outros. Á súa chegada escoitáronse apupos, se ben tamén houbo aplausos. Louzán felicitou ao gañador, mais lembrou que “os congresos non valen de moito se despois non se gañan as eleccións”.