Triunfo do triatleta galego na Copa de Europa, onde deu unha exhibición de principio a fin e chegou á meta con tres minutos de vantaxe sobre o segundo clasificado.
Chegada de Gómez Noya á meta de Pontevedra
Xabier Gómez Noya non deu opción algunha aos seus contrincantes na proba da Copa de Europa celebrada esta fin de semana en Pontevedra. O actual campión de Europa e subcampión do mundo, estivo na cabeza da carreira en todo momento. A superioridade foi tal que á saída das frías augas do Río Lérez no primeiro segmento de natación (1,5 quiló´metros) xa levaba 40 segundos de vantaxe sobre os seus adversarios.
A partir dese momento seguiu en solitario encabezando a proba sen que en ningún momento perigase o seu liderado. Así percorreu os 40 quilómetros de ciclismo polas rúas dunha Pontevedra entregada ao deportista galego. Xa na segunda volta das seis que tería que facer en bicicleta, Noya tiña unha vantaxe de case dous minutos sobre o resto do pelotón.
Xa no percorrido a pé, mantivo as distancias cos seus dous inmediatos perseguidores, o alemán Thomas Springer e o español Mario Mola, que reduciu as distancias e quedou segundo ao remate da proba. A chegada á meta de Gómez Noya foi moi emocionante, xa que moitos afeccionados encheron as gradas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para recibir ao campión entre aplausos.
Proba feminina
Na competición das mulleres, a gañadora foi a inglesa Jodie Swalow, que chegou á meta cunha diferencia de 1,16” sobre a que era a favorita, a chega Radka Vodickova. A galega Aida Valiño estivo ao carón das dúas durante os dous primeiros segmentos da proba, mais despois dos 40 quilómetros en bicicleta, na carreira a pé, a luguesa non foi quen de manter o ritmo. Finalmente quedou no décimo cuarto lugar. A pontevedresa Saleta Castro rematou no posto vixésimo segundo.