O vindeiro luns os consellos de administración das dúas caixas avaliarán o proxecto económico de integración.
A asemblea xeral de Caixa Galicia aprobou este sábado as contas xerais do exercicio 2009, nas que a entidade financeira rexistrou un volume de negocio de 78.626 millóns de euros e un beneficio consolidado ao final do exercicio de 91 millóns.
Segundo sinala a propia entidade nun comunicado, as súas contas contan co maior índice de solvencia da década, un crecemento do 28% e un superávit de recusros propios de 1.187 millóns de euros. Engade que iso supón 362 millóns máis que en 2008 e un incremento do 14% da eficiencia.
“Estes datos”, di o texto, “unidos á ratio de morosidade do 4,9% e ao incremento de 28 puntos básicos da cota de mercado na formalización de crédito a empresas, permiten afrontar unha nova e ilusionante etapa”.
Os consellos, convocados o luns
Caixa Galicia e Caixanova convocaron formalmente para o mediodía do vindeiro luns aos seus respectivos consellos de administración para someteren a avaliación o proxecto económico de integración de ambas as dúas entidades. Previsbelmente, este borrador incluirá as cifras financeiras da integración e o plan de negocio, mais non o deseño concreto do cadro de mando. Este último punto, que aínda non sería tratado nas mesas constituídas para confeccionar a fusión, deberá acordarse antes de que se formalice a solicitude definitiva de axudas ao FROB, que remata o vindeiro 30 de xuño.