Á venda o seu primeiro disco, cunha mestura de sons saudosos, encontro entre culturas e conexión coa terra.
Aló Irmao!, o proxecto creativo que botaba a andar hai xa dous anos, xa ten disco á venda. A casa común na que habitan o latexo africano de Manecas Costa e o espírito aventureiro de Narf xa está en pé e chega ás tendas de música de todo o país ofrecendo un encontro musical vizoso, cuns temas que se moven entre os sons saudosos, que parten da celebración do encontro entre culturas e que chegan aos nosos oídos en galego, portugués, crioulo, machopi e inglés.
A gravación recolle os concertos que os músicos ofreceron o 16 e o 17 de xuño de 2009 no Teatro Principal de Santiago de Compostela e incorpora un dvd cun vídeo das actuacións en directo. Producido por Nordesía Producións e editado por Falcatruada, recolle con vivacidade o son directo de Narf e Manecas, que conseguen contaxiar ao público da súa complicidade sobre o escenario.
Nos 12 temas do disco mestúranse as guitarras e as súas voces persoais, tamén as percusións de Celso Mahuie e o son único da 'tina', o tambor de auga guineano. En temas como “Aló Irmao”, “Esta noite”, “Emigrante”, “Irmón de terra” ou “A flor de pel”, Aló Irmao convida a esquecer as fronteiras, volver á infancia, reflexionar sobre a emigración, comprometerse, gozar da vida, lembrar o pasado e soñar un futuro mellor para os pobos. En suma, ofrécennos un disco completo, con música sinxela e innovadora a un tempo, incapaz de deixar indiferente a calquera que teña oídos abertos á emoción.