O ministro de Traballo afirman que “flexibilizar o funcionamento das empresas si pode xerar emprego” e afirma que “non se abaratará o despido”.
Fernández Davila preguntou a Corbacho: “Pensa que flexibilizar o despido xera emprego?
No día no que se celebra a última xuntanza antes da aprobación da reforma laboral, o BNG preguntou no Congreso polas intencións do goberno español ao respecto. “Pensa que flexibilizar o despido xera emprego?”, foi a directa pregunta da deputada nacionalista no Congreso, Olaia Fernández Davila ao ministro de Traballo, Celestino Corbacho.
A resposta, aínda que con matices, foi clara por parte do máximo responsábel estatal de emprego: “estendemos que flexibilizar o funcionamento nas empresas si pode xerar emprego”, e engadiu que “hai aspectos concretos da regulación que merecen ser revisados para mellorar a eficiencia do mercado laboral”. Ao tempo, concluíu que se trata de “buscar fórmulas para que as emprsas vexan alixeirados os custes”.
Dende o BNG, Fernández Davila, lamentou que o goberno socialista estea asumindo “os ditados da dereita e da patronal”, que “aproveitan a crise para mermar os dereitos laborais”. Asegurou que “non é o camiño idóneo para reactivar a economía” e acusou a Corbacho de profundar na mesma reforma laboral que xa puxo en marcha o PP no ano 1997, a reforma laboral “dos contratos lixo, que só serviu para provocar unha maior precariedade no mercado de traballo”. Pola contra, a deputada nacionalista exixiu unha “reforma do sistema financeiro que evite a especulación”.
Nin “abaratamento do despido”, nin reforma retroactiva, di o ministro
O interese do executivo español “non é abaratar o despido”, reiterou o ministro de Traballo, “outra cousa é buscar fórmulas para que as empresas poidan ver reducidos os seus custes sen que os traballadores perdan dereitos”, afirmou.
Nesa liña, Celestino Corbacho, adiantou que o goberno español segue pensando en “revisar” o sistema de contratos, mais garantiu que “en ningún caso” se reducirán as cantidades de indemnización existentes (oito, 20, 33 e 45 días por ano traballado), “nin se tocarán os contratos indefinidos e estábeis vixentes”.
Ademais, avanzou que a redución da xornada (o chamado 'modelo alemán') si será unha das medidas incluídas na reforma. Así, dixo, “cando haxa que reducir a produción nunha empresa, poderá recorrer a unha maior flexibilidade interna e non á destrución de emprego”.