O goberno de Merkel confirmou un plan para aforrar 80 mil millóns de euros en catro anos. Funcionarios, parados e familias sufrirán directamente o "aforro".
Merkel
O goberno alemán traballa nun plan de aforro que se traducirá no máis severo recorte social que se dá no país dende a posguerra. O executivo de Merkel trataría de aforrar 80 mil millóns de euros en catro anos. A primeira estación do recorte chegaría en 2011, cando se pretende disminuír o gasto en 11 mil millóns de euros.
A axencia DPA adiantou que o goberno quere baixarlles un 2,5% de media o salario aos funcionarios (suprimindo unha paga de Nadal), reducir 10 mil postos de traballo públicos durante a vixencia do plan e facer recortes importantes en Defensa. Merkel confirmou despois do mediodía as medidas.
O goberno liberal-conservador non está disposto a aumentar impostos, polo que a redución da débeda tería que vir exclusivamente de recortes en servizos públicos. Así, agárdase a supresión de axudas á natalidade, ao aluguer de vivendas e incluso recortes no diñeiro destinado aos desempregados.
En Reino Unido, Cameron acusa a Brown de ocultar datos sobre a débeda
O primeiro ministro, David Cameron, acusou ao seu antecesor, Gordon Brown, de ter ocultado información relativa aos intereses da débeda que, segundo afirmou, en cinco anos chegarán a máis de 84.500 millóns de euros.
O novo goberno conservador tamén sinalou que nas vindeiras semanas anunciará novos recortes do gasto público que serán “dorosas”.