Comeza na Cámara o traxecto de elaboración do anteproxecto desta norma, enfocada á promoción dos dereitos humanos e en favor do desarme.
"A cultura da paz, que ten a súa raíz na tradición da tolerancia e o respecto pola diferenza, é un imperativo da nosa época. Éo pola progresiva conciencia de interdependencia de todos os seres humanos, pola memoria e experiencia vivas das amargas consecuencias da guerra, da tortura e da violencia e éo, en definitiva, polas ineludíbeis esixencias dun mundo progresivamente unificado polo intercambio informativo, laboral e comercial. Un mundo cada vez máis interdependente é incompatíbel coa razón da forza e a imposición pola violencia de valores, modelos, comportamentos e intereses (...)".
Así o recolle o preámbulo do Proxecto de Lei de Fomento da Cultura da Paz en Galicia, un documento base deseñado polo Seminario Galego de Educación pola Paz (SGEP) que foi recibido favorabelmente polos grupos parlamentarios con representación na Cámara galega. O texto servirá de eixo para a elaboración da futura lei cuxo camiño comeza esta segunda feira coa constitución dunha ponencia conxunta no Parlamento.
O SGEP comezou o traballo a prol deste documento hai xase dous anos, inspirado nos precedentes de Cataluña (pioneira en 2003) e do Estado Español (en 2005). O borrador, gabado polos tres grupos como documento base, e elaborado polo propio SGEP, inclúe alén do preámbulo explicativo sobre o proxecto e o concepto de cultura de paz, outros nove artigos onde se tratan sucesivamente: o obxecto da lei,o ámbito de aplicación, actuacións no ámbito dos dereitos humanos, na convivencia democrática, no ensino e na cooperación, nos medios de comunicación social, no desarmamento global, iniciativas de promoción da paz, así como a creación dun Instituto Internacional pola Paz. O SGEP agarda que neste 2010 no que se cumpre o XXV aniversario da súa fundación se materialice esta norma, como eixo para "a creación de estruturas de participación específica en materia de paz e a consolidación de medidas concretas de apoio á cultura de paz de carácter anual, con orzamentos precisos, aprobados en sede parlamentaria".