O Parlamento constituíu formalmente a ponencia que se marca o obxectivo de ter un texto normativo novo a finais de ano.
No último día de maio, tres meses despois de acordar a súa constitución, o Parlamento constituíu formalmente a ponencia para reformar a Lei da Comisión de Radio e Televisión de Galiza (CRTVG). Despois das críticas de PSdeG e BNG que denunciaron nos pasados días un importante atraso na súa creación, finalmente constituíuse o grupo, que estará conformado por dous representantes de cada formación política.
Os deputados que terán nas súas mans a próxima reforma do texto normativo que regula os medios públicos galegos serán Agustín Baamonde e Antonio Rodríguez Miranda, polo PPdeG; Xosé Manuel Lage e Xaquín Fernández Leiceaga, polo PSdeG; e Anxo Quintana e Anxo Pontón, polo BNG. Cada grupo político terá que presentar unha proposta de traballo o vindeiro luns, que será a data da primeira xuntanza.
O compromiso do Goberno é que a o texto normativo estea rematado antes de que finalice o ano, para o que o PSdeG xa pediu habilitar a primeira metade do mes de xullo para as comparecencias. Entre os obxectivos desa nova lei inclúese unha demanda xa histórica dos partidos da oposición: a elección do director xeral da Compañía por maioría de dous terzos da Cámara, por un período máximo de cinco anos non renovábel en máis de dous mandatos.