Feijoo presenta oficialmente os candidatos populares ás alcaldías das sete grandes cidades e defende un discurso baseado na “independencia” e o “galeguismo”.
"Aspiramos a todo: a sete vitorias e a sete alcaldes". Así proclamou Alberto Núñez Feijoo os candidatos do PPdeG ás sete grandes cidades nas eleccións municipais do ano que vén. Ante os sete aspirantes, avogou por transmitir a mensaxe de "alternativa", liderando -dixo- "políticas de austeridade", mais tamén o principio "común" do galeguismo que "ten cabida nas cidades" e a "independencia".
Como xa se confirmou nos pasados días, os sete candidatos son: Carlos Negreira (A Coruña), Xaime Castiñeira (Lugo); Rosendo Fernández (Ourense); Telmo Martín (Pontevedra), Xerardo Conde Roa (Santiago); Corina Porro (Vigo); e Xosé Manuel Rei (Ferrol). Canda eles, Feijoo camiñou parte do último tramo do Camiño de Santiago, como metáfora de "aquel camiño" que terán que acometer os cabezas de lista para conquistar as alcaldías".
Ante todo, austeridade
Lonxe do dispendio doutras citas electorais do PPdeG no Monte do Gozo compostelán, Feijoo reiterou en diversas ocasións a importancia de trasladar unha mensaxe de austeridade. Precisamente neste eixo asentou unha das bases do que será a próxima campaña electoral, asegurando que se os populares se poñen á fronte das sete grandes cidades e das deputacións "rebaixará á metade os seus asesores e cargos de confianza".
Nesta liña insistiu en que "os bipartitos nas cidades e nas deputacións son unha dilapidación de cartos: dobre logotipo, dobre sede, dobres salario, dobre alcalde e dobremente ineficaces. Finalmente, comprometeuse a reducir os asesores de cada municipio: "máis de 200 asesores teñen nestas entidades bipartitas", dixo, "e deles, a nós sóbranos a metade".
Candidato a candidato
Feijoo enviou unha mensaxe personalizada a cada un dos alcaldábeis, nos que depositou o encargo de "recuperar o poder urbano". A Conde Roa, candidato por Compostela, que "leva tres anos na oposición, malia gañar", díxolle: "se hai tres anos o proxecto estaba esgotado, imaxina agora". Ao seu homólogo ourensán, Rosendo Fernández, díxolle: "Rosendo debe significar o salto á maioría absoluta", e apuntou que "a cidade das Burgas precisa mudar os carteis e a publicidade por proxecto, goberno e xestión". De Xosé Manuel Rei, candidato en Ferrol, dixo que "é a proba de que os populares apostan pola xuventude, xa que con 34 anos, acumula capacidade e experiencia para gobernar".
Como "exemplo de traballo e adicación" nomeou a Xaime Castiñeira, a quen recordou que "aínda que a Muralla debe permanecer como está", Lugo precisa dun "cambio político". A seguir, subliñou a "enerxía" de Telmo Martín, cabeza de lista en Pontevedra: "alí non buscamos un candidato, senón un alcalde e serás ti", díxolle. As últimas palabras foron para Carlos Negreira, de quen dixo que "será quen de gañar clara e limpamente" na Coruña, e para Corina Porro, a quen lle dixo: "querida alcaldesa, agora hai un alcalde que cre que Vigo é seu, pero que perde todas as eleccións e seguirá perdendo: ti devolverás Vigo aos cidadáns".