Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LEVABA 24 ANOS CELEBRÁNDOSE

A crise leva por diante o Noroeste Pop-Rock

O Concello explica que suspendeu o macrofestival para optimizar recursos. Mentres, multiplícanse as iniciativas contrarias á anulación.

Redacción - 12:24 28/05/2010
O festival levaba celebrándose dende hai 24 anos

O festival levaba celebrándose dende hai 24 anos

O Noroeste Pop-Rock, o festival de música máis concorrido do verán coruñés, non se celebrará este ano. Así o confirmou o concelleiro de Festas, Carlos González Garcés, quen achacou a motivos económicos esta decisión. O certame viña celebrándose na praia de Riazor dende 1989, despois de dúas edicións no Pazo dos Deportes e unha en María Pita. O Concello asegurou que a anulación desta cita festeira suporá un aforro de 700 mil euros, entre o que cobran os artistas e as infraestruturas necesarias, e subliñou que nas mesmas datas celebrarase un concerto do Xacobeo en Santa Cristina.

Primeiro Raphael e agora isto”
A celebración da última edición do Noroeste Pop-Rock xa xerara certa polémica. Daquela, o cartel estaba composto por Hombres G, La Unión, Calle 13, Raphael ou El Consorcio, entre outros. Numerosos seareiros da música rock e pop amosáronse contrarios á contratación destes artistas, que consideraban que desvirtuaban a orixe do festival. Na rede tamén xurdiron iniciativas contrarias ao cartel, como o grupo de facebook “Salvemos o Noroeste Pop-Rock”. O alcalde, Xabier Losada, anunciou entón o seu compromiso de facer un gran festival en 2010.

Desta volta, a cancelación do certame tamén xerou numerosas reaccións contrarias. Na rede, xa se multiplican iniciativas como o blog “Non á desaparición do Festival Noroeste Pop-Rock 2010” e tamén grupos de facebook como “Non estou de acordo coa cancelación do Noroeste Pop-Rock 2010”, que xa suma máis de 1.700 seareiros dende o anuncio este xoves. Nesta páxina consideran “hipócrita” a xustificación esgrimida polo Concello e afirman: “Non exiximos grandes grupos, non exiximos gastos obscenos” e piden a recuperación das “orixes do Noroeste”.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na rede, diferentes plantaformas amósanse contrarias á cancelación
Na rede, diferentes plantaformas amósanse contrarias á cancelación
Os seareiros da música pop-rock reclaman a volta ás orixes do festival
Os seareiros da música pop-rock reclaman a volta ás orixes do festival