A produción audiovisual da editora galega é candidata a mellor serie de tv na prestixiosa cita francesa de Annecy e nun festival checo.
Se hai pouco lles contabamos que a editorial galega OQO daba o salto á produción audiovisual, desta volta xa lles achegamos noticia dos primeiros éxitos da súa división OQO Filmes.
'Os contos do camiño' ('Never ending tales'), compite na sección oficial do prestixioso Festival Internacional de Animación de Annecy, entre o 7 e o 12 de xullo, na categoría de series de televisión. En concreto, un dos seus 26 capítulos, o titulado 'Un gato na árbore', de dez minutos de duración, curtametraxe dirixida polo francés David Gautier e baseada no libro do mesmo título de Pablo Albo e Géraldine Alibeu, publicado por OQO editora en galego, portugués, español, francés, inglés e italiano.
Outro capitulo da mesma serie, 'A bruxa regañadentes', foi seleccionado na categoría de Filmes de Animación do Festival ZLÍN 2010-50th International Filme Festival for Children and Youth, que se celebrará desde o 30 de maio ao 6 de xuño na República Checa. Un conto neste caso inspirado no libro escrito por Tina Meroto e ilustrado por Maurizio A. C. Quarello.