"Se non se toman medidas inmediatas de alcance mundial, o propio sistema queda en interdito e haberá que ir pensando en buscar outro"
EDUARDO REGO (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.
a) Por que temos a actual situación de crise?
A orixe está claramente na economía financeira e na especulación. Un fenómeno que comezou nos Estados Unidos tivo unha rápida propagación grazas á incorporación das novas tecnoloxías nun amplo proceso de globalización, que permitiu a circulación dunha cantidade desorbitada de cartos dun xeito instantáneo. A economía financeira fíxose máis atractiva que inverter en economía produtiva, xa que a débeda pública ou a especulación inmobiliaria xeran máis intereses Aínda máis, a solución que propuxeron os estados non foi outra que acudir en auxilio dos bancos e, aínda por enriba, socializar as débedas.
b) Cales poden ser as solucións?
A resposta ten que vir en dous niveis: no ámbito da Unión Europea e no do Estado Español. No primeiro, Bruxelas ten que tirar da súa capacidade de influencia a nivel global e ten que facelo de xeito contundente, non como até o de agora que creou un fondo de rescate mais os Estados aínda non saben en que condicións poden acceder a el. Doutra banda, a nivel estatal o vieiro escollido tamén é inapropiado: non se pode reclamar un esforzo só aos sectores máis febles e menos cando non teñen responsabilidade algunha na crise. O que se debe facer é adaptar a política fiscal á realidade, sen excluír ás clases máis poderosas (por exemplo, eliminando os beneficios que recibe a Igrexa). Tamén é preciso facer emerxer a economía somerxida, con medidas contundentes.
c) Cal cre que será o futuro?
Se non se toman medidas, a miña visión é pesimista. Tanto a nivel europeo como estatal, as medidas estanse tomando tarde, o que provoca unha grave prexuízo xeral. No caso do Estado Español, son de corte neoliberal, propias do FMI, e van no camiño de producir un problema social grande derivado do previsíbel deterioro dos servizos públicos (da sanidade, do ensino, da atención á dependencia... Se non se toman pronto medidas de alcance europeo, e nas que se implique ós Estados Unidos, non sairemos desta crise ou, se conseguimos recuperarnos, teremos outra máis grave en pouco tempo. De seguires así, estase a poñer en interdito o sistema e haberá que ir pensando en buscar outro.