A Xunta defende cambios a prol da "flexibilidade". A oposición di que o "revanchismo" destrúe unha norma consensuada co sector.
A secretaria xeral de Turismo, Carme Pardo, e o conselleiro do ramo, Roberto Varela
A finais do ano pasado, e coincidindo coa presentación do programa estratéxico para este 2010 da sociedade pública Turgalicia, a secretaria xeral de Turismo, Carme Pardo, subliñaba como prioridade do seu departamento a potenciación e consolidación da marca turística 'Galicia' no contexto estatal e internacional.
Mais na presentación este luns por parte do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e en pleno ano Xacobeo, da reforma da lei de Turismo deseñada polo equipo de Feijoo, desaparece a marca de calidade 'Galicia' como destino turístico. Trátase dunha iniciativa que o anterior Goberno introducira de xeito explícito no artigo 17 da norma, coa fin de pular pola diferenciación e reforzar Galiza como destino turístico específico no contexto do Estado español. A Xunta opta así por diluír a marca propia e empregar a existente a nivel estatal.
"Revanchismo", denuncia o BNG
"Supón unha perda histórica de promocionarnos como destino turístico diferenciado e insírese na liña do Partido Popular de ataque á identidade galega", acusou ao respecto desta decisión a voceira en materia de Turismo do grupo parlamentario do BNG, Carme Adán.
A deputada nacionalista avalía que se trata dunha mostra máis do que cualifica de "afán revisionista e recanchista do goberno do PP". Para Carme Adán, é un paso atrás a derrogación dunha lei "aprobada co consenso do sector hai tan só dous anos". Adán tamén reprochou que a nova lei "reduce a capacidade do Consello do Turismo de Galiza, ao convertelo só nun órgano consultivo e non regulador".
A Xunta cre que era indispensábel para a modernización do sector
Na xustificación da nova lei, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, defendeu esta segunda feira que o cambio era necesario para "eliminar as imprecisións conceptuais" que na súa opinión tiña a norma derrogada. Para Varela, a necesidade de evitar "lagoas e disfuncións" nun sector fundamental para a economía do país está na orixe da reforma da lei. Eliminación de barreiras legais nas autorizacións administrativas ou simplificación de trámites foron outros argumentos expostos polo conselleiro.
Por outro lado, a secretaria xeral de Turismo, Carme Pardo, insistiu en que a lei era "demandada polo propio sector" e imprescindíbel para "modernizar" o marco lexislativo e adecualo "á dinámica da actividade turística que desempeña o sector". A modificación dos prezos sen necesidade de comunicarllo á administración, a eliminación para o empresariado da inscrición obrigatoria no Rexistro de Actividades Turísticas e a prohibición dos locais coñecidos como furanchos son algunhas outras novidades da norma.