Mentres, o goberno español presiona para que haxa un acordo entre as partes este mesmo mes.
O diálogo social do que tanto ten feito bandeira o goberno español nos últimos seis anos pode estar a piques de rachar. Logo de anunciar a semana pasada fortes recortes no gasto público, agora o executivo que encabeza Rodríguez Zapatero quere pechar canto antes unha reforma laboral. Acurralado polos socios europeos e pola patronal que lle demanda medidas urxentes contra a crise, o presidente español afirmou estar disposto a sacar adiante a reforma antes do verán aínda que non haxa acordo con sindicatos e patróns.
Os dous principais sindicatos estatais (CC.OO e UXT) advertíronlle este mesmo xoves ao goberno que unha reforma imposta aumentaría a conflitividade social notabelmente e incluso podería provocar a primeira folga xeral contra as políticas de Rodríguez Zapatero. As declaracións tiveron lugar logo dunha xuntanza da Comisión de Seguimento do Diálogo Social, na que participaron representantes do goberno, da patronal e dos sindicatos.
O principal temor entre as organizacións de traballadores é que a reforma laboral consume un recorte de dereitos laborais. Un dos principais cabalos de batalla é a indemnización por despedimento. Na actualidade os traballadores con contrato indefinido teñen dereito como máximo a 45 días de salario por ano traballo. Representantes dos empresarios levan insistindo dende o inicio da crise na necesidade dun “abaratamento” que “fomente” a contratación.