Pescadores e ecoloxistas denuncian máis de 50 verteduras no Río Madalena, procedentes da depuradora municipal.
A depuradora é municipal e está xestionada pola concesionaria Espina y Delfín
Cada vez que chove, a acumulación de augas pluviais sumadas ás fecais provocan a enchente da depuradora de Vilalba, que reborda as instalacións e se verten directamente no río Madalena polo seu aliviadoiro. Máis de 50 verteduras levan contabilizadas os pescadores da zona, segundo explica Marcos Vázquez, quen subliña que, ante cada unha, presentaron cadansúa denuncia perante o Seprona sen que, até o de agora, se lle puxese solución ningunha.
A pasada fin de semana, sen que mediase chuvia ningunha, a depuradora verteu durante unhas catro ou cinco horas augas sen depurar. Así o denuncia o pescador, quen subliña que “estas verteduras estendéronse por todo o leito do río Madalena, nun treito inmellorábel do río, onde o pasado mes de decembro se contaron máis de 70 niños de postas de troitas”. Porén, lamenta que, malia que a zona se adica á pesca sen morte, “é de supoñer que nestas condicións as troitas xa pasaron a mellor vida”.
600 millóns de litros de augas sen depurar
Segundo as súas estimacións e os vídeos que gravaron, calculan que a vertedura supuxo a tirada ao río duns 100 litros de auga sen depurar por segundo, durante unhas catro ou cinco horas. Isto súmase aos días de chuvia cos que contou este inverno, no que estiman outros 200 libros por segundo durante máis de 24 horas consecutivas. Tirando de calculadora e tomando como referencia que chove sobre uns 200 días ao ano en Vilalba, cunha media de tres horas diarias de vertedura, falan de 600 millóns de litros de auga contaminada que foron a parar ao Madalena no último ano.
Promesas sen cumprir
A depuradora é municipal, mais é a concesionaria Espina y Delfín quen se encarga da súa xestión. Os pescadores de Vilalba xa presentaron unha nova denuncia ante o Seprona e tamén perante a Fiscalía de Medio Ambiente, mais lamentan que a solución chegará tarde. Dende o municipio, xa se anunciou en diferentes ocasións a construción dun pozo de tormenta, que evitaría as verteduras, mais de momento nada se sabe do proxecto.