Ademais, o presidente da Xunta apuntou que o Estado español pasou de ser un dos países motores da UE a ser dos que "lastra" a saída da crise.
Imaxe da xuntanza do Consello da Xunta que se desenvolveu este venres en San Caetano, Compostela
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, reclamou este venres un debate no Senado entre os gobernos das Comunidades Autónomas e o do Estado, xa que considera que o Executivo español está "desautorizado" para tomar medidas que afectan todas as autonomías.
Após o Consello da Xunta, Feijoo insistiu en que uns 500 mil galegos se verán prexudicados polos recortes anunciados por José Luis Rodríguez Zapatero, malia que o Goberno galego non foi consultado nin informado, polo que demandou un debate urxente e "sosegado" na Cámara Alta.
"Estamos fronte a un país intervido, a Unión Europea está tutelando a economía española; o goberno de España está funcionando coma se fose unha caixa intervida polas autoridades monetarias da UE", manifestou o presidente da Xunta.
"Non interesa unha folga xeral"
Ademais, apuntou que o Estado español pasou de ser un dos países motores da UE a ser dos que "lastra" a saída da crise. Por iso, a preguntas sobre posíbeis reaccións dos sindicatos, indicou que "non interesa en ningún caso unha folga xeral", e demandou "altura de miras" e "moitísima coherencia" ás centrais, porque é "o último que lle que faltaba" á economía.
Igualmente, sostivo que os pensionistas van pagar as "frivolidades" do goberno español. "O lóxico é que nos escoite", apuntou neste senso, ao tempo que sinalou que as medidas anunciadas por Rodríguez Zapatero equivalen a "unha dimisión, iso si, sen marchar".