Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
ENTREVISTA

Darío Xohán Cabana: “Uxío Novoneyra foi un xenio da palabra”

Darío Xohán Cabana é poeta, narrador, tradutor e académico. Pero isto é tanto coma non dicir nada, porque estamos ante un dos máis grandes na República das Letras e calquera presentación sería inxusta coa sabedoría e a obra que este home nos regala. Agradecémoslle, simplemente, que con el poidamos saber algo máis de Novoneyra, outro dos que figuran á fronte desa República.


Aldegunde Quiñones - 21:24 12/05/2010

Onde reside o carácter renovador da poesía de Novoneyra?

Nun novo modo de facer poesía, moito máis tensa, moito máis visual, xestual e baseada nos valores fónicos. Mantivo unha certa pelexa coas palabras ata facelas encadrar nun esquema do que el, ao mellor, non era plenamente consciente pero que era totalmente diferente. De aí xurdiu unha poesía tremendamente auténtica porque saía dunha actitude nova diante das cousas.

Esa batalla coas palabras facíalle pulir os seus textos continuamente.

Si, pero non é un perfeccionista por unha estética que lle veña de fóra senón por unha necesidade de encontrar as palabras que expresasen o xusto sentimento e o xusto ritmo que el procuraba.

Cando se fala de fonosimbolismo no primeiro no que se pensa é en Uxío.

Eu de fonosimbolismo non entendo. Eu entendo algo de forma e do xeito de conxuntar as palabras. Novoneyra era un poeta coma Pondal, un poeta da tensión das palabras: non cadran porque si, senón porque as facía cadrar, nun traballo lento e tenso.

O título do ensaio de Méndez Ferrín De Pondal a Novoneyra parece, xa que logo, ben axeitado.

Non sei se Ferrín se decatou da semellanza formal entre os dous -supoño que si- pero nese título está o resumo de toda a poesía galega.

E tamén foi o propio Ferrín quen dixo que Uxío, nunha parte da súa poesía, simplemente nomeaba as cousas.

Si, pero iso foi ao principio, no primeiro libro de Os Eidos, e que, por certo, non ten nada que ver con Noriega Varela. Era unha poesía simple coma os haiku xaponeses, que non sei se daquela coñecía, ou estes tipos de poesía aparentemente minimalista. Hai poemas que nun verso ou dous definen sentimentalmente e dun xeito perfecto unha situación ou unha emoción. Despois, a poesía vaise facendo máis longa e máis complexa. Así aparecen poemas que valen un libro coma o Viet Nam Canto, a Letanía de Galicia ou o romance de Manuel de Ribadaira, que non é un poema complexo pero que parece que ten en si toda a literatura occidental.

Tamén comparte con Pondal o emprego dos topónimos.

Pero dunha forma diferente, porque Pondal insíreos dentro dun mito falsamente histórico pero cun certo ar historicista mentres que Novoneyra deixa o topónimo máis ben só: a súa propia sonoridade dentro do poema parece xustificarse a si mesma. En Pondal, aínda que a sonoridade tamén é moi evocadora, atópanse dentro dun esquema máis discursivo, mentres que cando Novoneyra introduce os topónimos é cando menos discursivo é, porque non define nunca o topónimo nin o pon en relación con ese constructo ideolóxico-mítico de Pondal.

Nacer no Courel fixo que a súa poesía sexa como é?

Eu creo que a primeira razón é que Novoneyra era un xenio da palabra. Pero influíron outros factores, coma a pleuresía da que estivo a punto de morrer e que marcou unha etapa da súa existencia. A vida de Uxío foi estraña, unha das cousas que non se lle poden reprochar é que fose un fanático do traballo: viviu sempre como poeta, igual ca Pondal, que foi un poeta obsesivo. Novoneyra tiña a poesía como centro absoluto da súa vida, tamén era un poeta obsesivo. Nunca coñecín outro coma el. Por outra parte, cando el naceu habería unhas 6000 persoas no Courel, e ningunha foi Novoneyra.
 
Tamén é estraño que unha das que quedase a vivir alí fose María Mariño.

Si, María Mariño era unha persoa que escribira poemas deses que fai a xente que le unha antoloxía con títulos coma Los cien mejores poemas de la lengua española e hoxe imita a un e mañá a outro. Cando chegou era xa unha muller de idade, cunha cultura literaria evidente pero desordenada. Alí encontrouse con Uxío que, malia ser vinte e pico anos máis novo, estaba moito máis metido na literatura moderna. A xenialidade de María Mariño, coutada por un credo estético absolutamente recuado sentiuse libre porque Uxío coñecía outro tipo de literatura e sabía que non todo eran sonetos ou suspirillos xermánicos ao xeito de Bécquer. E así foi como María Mariño escribiu eses poemas soberbios, roucos, imperfectos e conmovedores de Palabra no tempo. Esa foi a intervención de Novoneyra da obra de María Mariño, pero tamén hai unha influencia en sentido inverso: unha cousa son os poemas de Os eidos -escritos antes de coñecela- e outra moi distinta moitos poemas de Elexías do Courel e xa non digamos outros poemas posteriores. O que me asombra é o ben posto no mundo que estaba. Tiña unha cultura literaria, histórica e artística case incomprensible na época da súa formación. Naqueles anos 40 e 50 cunha España fea, cerrada e metida na barbarie da reacción -tamén na reacción estética- Novoneyra estaba ben instalado na súa Europa.

Aínda que hoxe o recoñecemento é unánime algunha voz nova ten manifestado certa distancia coa poesía de Novoneyra
 
A xente chega, está cabreada e di disparates. Naturalmente as xeracións máis novas tenden a matar os pais, enterralos en cal ou facerlle a parcelaria aos eidos, pero iso son caralladas. Cando no ano 1976 e 1977 o grupo Rompente, moi importante e útil na poesía galega, comeza a existir dedicáronse a mallar en Manuel María coma en cento verde. A el, que xa escribira Morrendo a cada intre cando aqueles rapaces aínda non naceran íanlle ensinar vangarda?! Igual fixera Manuel Antonio, un dos máis grandes da poesía galega, e que dixo os disparates tan inmensos -e tan útiles dende un punto de vista histórico- coma os que aparecen no manifesto Máis alá.

A Uxío gustáballe recitar tanto os versos seus coma os alleos, non si?

Si, el recitaba moi ben e ademais facía algo diferente, interpretándoos co xesto, coa voz, coa cara... Realmente, os poemas ditos por el estremecían, pero os poemas del ditos por outro que o faga medianamente ben tamén estremecen. El non compoñía sobre o papel, senón recitando. Eu nunca lle vin compoñer, pero se non fose así non podía facer os poemas que fixo. É dicir, el interpretaba os poemas mesmo cando os compoñía. O poema é verbal e a súa realización perfecta é a oral. O poema mental, eu creo que non existe. Por iso tamén hai tantos poemas que non o son, que están divididos en liñas aparentemente versais porque hai quen cre -e está equivocado- que o verso libre é libre, cando é o máis suxeito de todos os versos. E iso sabíao Novoneyra perfectamente: os versos libres de Uxío están perfectamente pensados e adaptados a un modo de pronunciar.

Que lugar ocupa Novoneyra na literatura galega?

Novoneyra é un poeta vivo, que está escribindo agora, que ten unha potencia moi grande tanto como poeta lírico coma cívico. O que cómpre é levalo aos institutos, ás prazas, ás rúas e recitalo. É un poeta que se explica a si mesmo, nin sequera fai falta estudalo moito. A súa poesía cívica, neste momento no que non andamos navegando en prosperidades, vainos unir e mobilizar en defensa da lingua, que é o gran problema que temos neste momento. Novoneyra é un deses poetas que van medrando. Xa foi grande desde que publicou Os eidos pero hoxe é un dos sete ou oito grandes poetas da nosa poesía. Unha poesía que comezou con Rosalía, Curros e Pondal e que continuou con Manuel Antonio. Aquí hai un Cunqueiro e un Méndez Ferrín. E Novoneyra está ao carón deles, ao lados dos xenios.

Este ano a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras a un home que no seu día fixo público o seu profundo desacordo con esta institución.

Realmente con quen estaba en desacordo era coa Academia de García Sabell. Uxío foi alí con outros escritores e armoulle unha boa defendendo o que hoxe defende a Real Academia. Daquela a RAG tiña unha directiva pouco axeitada a unha institución que foi fundada por Curros, Pondal e Murguía e o espírito de Rosalía. A RAG tivo altos e baixos, negros e grises moi escuros, pero é unha institución representativa, dun modo simbólico, do que foi o Rexurdimento e a cultura galega. E hoxe, dez anos despois da morte de Uxío, regálallo ao pobo galego para que se ampare nel e faino nun momento no que Novoneyra é extremadamente útil por esa súa condición de gran poeta civil e patriótico e insubornable defensor da lingua galega.

Aldegunde Quiñones


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: