O xurado valorou a mestura de clasicismo, compromiso social e modernidade temática do poemario As crebas.
Miro Villar
O poemario As crebas, de Miro Villar, gañou o Concurso de Poesía Concello de Carral 2010. O xurado escolleu o libro entre 46 obras que se presentaron. Os poetas Eli Ríos, Baldo Ramos e Tati Mancebo consideraron que a mestura de clasicismo, culturalismo e compromiso social d'As crebas, así como as alusións mitolóxicas integradas no discurso poético e o novidoso tratamento que fai da modernidade temática dentro do clasicismo foron méritos suficientes para o premio.
O xurado contou coa concelleira de Cultura, María Xosé García Fariña, como presidenta, e co técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, como secretario. O galardón está dotado con dous mil euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O 28 de maio, na Casa da Cultura de Carral, terá lugar o acto de entrega do premio.