A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) exixe á Xunta de Galiza, ó Concello de Valdoviño e á Demarcacion de Costas de Galiza que asuman, no marco das súas competencias, a xestión ambiental da Frouxeira “dunha vez por todas”.
Ao respecto do estado areoso no que se atopa a lagoa, recordan que a flutuación do nivel da auga é de vital importancia para as rutas migratorias de moitas aves que utilizan o sistema de humidais do que A Frouxeira forma parte. Porén, subliñan que alterar estes ritmos de enchida e baleirado pode comprometer os ciclos biolóxicos de moitas especies vexetais e animais.
En consecuencia, consideran preocupante a ausencia dun plan de xestión para unha área protexida da importancia internacional da Frouxeira, así como a proliferación de actividades como o uso de quads, cans ceibes e outras similares.
- Reproducimos aquí a súa opinión ao respecto:
Unha visión realista da Lagoa da FrouxeiraAnte a reiteración de informacións que poden confundir á opinión pública, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) debe puntualizar que a Lagoa da Frouxeira é unha lagoa litoral, separada do mar pola barra da praia. Case todos os anos, durante a seca do verán, a lagoa se pecha e queda illada do mar. Coas chuvias iníciase unha crecida que aumenta o nivel das augas, provocando o desbordamento da lagoa e asolagado de prados, cultivos e viais lindantes. Dende hai décadas efectúase a apertura artificial da canle de desaugue, para permitir o baleirado, quedando así sometida a lagoa ao réxime de mareas, polo que coa baixamar o nivel da lagoa descende deixando ao descuberto unha superficie areenta máis ou menos extensa, dependendo da intensidade da marea. A preamar sobe o nivel hídrico da lagoa, cubrindo parcialmente este areal; este proceso permite a entrada e saída de organismos acuáticos, contribuíndo á aumentar a biodiversidade e favorecendo á riqueza litoral.
A falta a día de hoxe dun estudo pormenorizado da batimetría e hidroloxía da lagoa, hai moitas incógnitas que se deberían despexar sobre o modelo de xestión máis axeitado, para preservar os importantes valores medioambientais que posúe A Frouxeira. Pero debe explicarse con claridade que a flutuación de nivel é de vital importancia para as rutas migradoras de moitas aves que utilizan o sistema de humidais do que A Frouxeira forma parte, como refuxio para o paso ou a invernada. Isto é así desde antes da ocupación humana do territorio e motivou a inclusión deste enclave na protección do Convenio Internacional de Ramsar entre outras figuras legais de obrigado cumprimento.
A superficie de areal que queda exposta durante as baixamares xera un hábitat onde se pode atopar unha enorme riqueza de aves limícolas, das máis elevadas de Galiza. Así, durante o paso migratorio de Maio de 2009 foron censadas un total de 4.600 aves limícolas de 14 especies distintas. Unha riqueza sen parangón entre as lagoas litorais galegas. Por outra banda, nos censos invernantes de Xaneiro de 2009, tamén cun baixo nivel de auga na lagoa, foron observados un total de 1.679 acuáticas nadadoras (Galiñolas, Mergullóns e Patos), tamén moi superiores ás de calquera outra lagoa galega. Alterar os ritmos de enchida e baleirado da lagoa pode comprometer os ciclos biolóxicos de moitas especies vexetais e animais con consecuencias que descoñecemos.
A SGO entende que afirmar en medios de comunicación que a situación de baixo nivel de auga afecte negativamente ás poboacións de aves é rotundamente falso, carece de base científica e difunde un alarmismo e preocupación totalmente infundados.
O preocupante é a ausencia dun plan de xestión para un área protexida de importancia internacional, feito común para a gran maioría dos espazos protexidos galegos, e a proliferación de actividades como o uso de quads, cans ceibes e outras similares.
A Xunta de Galicia, o Concello de Valdoviño e a Demarcación de Costas de Galicia deben asumir, no marco das súas competencias, a xestión ambiental da Frouxeira dunha vez por todas.