Estréase en Compostela un documental que reúne os máis destacados especialistas e protagonistas do nacionalismo dende mediados do século XIX.
“Divulgar a recente historia sociopolítica do País e as achegas do nacionalismo galego ao avanzo da democracia e as liberdades”. Este é o obxectivo dun documental promovido pola Fundación Galiza Sempre que este venres se presenta oficialmente en Compostela.
Baixo o título “Memoria do nacionalismo galego”, o filme fai un percorrido por algunhas das principais experiencias e ideas que axudaron a conformar a nación galega. A dirección correu a cargo de Xabier Macías, Comba Campoy e Xosé Zapata e fai un repaso aos cento setenta últimos anos da historia política, social e cultural de Galiza a través das ideas e das organizacións políticas que crearon o nacionalismo galego.
O traballo, que resume 30 horas de gravación, baséase fundamentalmente nos testemuños de 27 persoas entrevistadas, directamente relacionadas coa traxectoria histórica do galeguismo político. Poderemos escoitar a Xusto Beramendi, Xosé Manuel Beiras, Fernández del Riego, Camilo Nogueira, Margarita Ledo, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Pilar García Negro, Méndez Ferrin, Bautista Álvarez, Lidia Senra, Francisco Rodríguez, Anxo Quintana, Antón Moreda, Encarna Otero ou Xose Ramón Barreiro. Será no Teatro Principal ás oito e media da noite.