Guillerme Vázquez lembra que a maioría dos militantes non comparten as teses do líder 'irmandiño'.
O pasado xoves Xosé Manuel Beiras protagonizou unha conferencia de prensa na que foi moi crítico coa liña política do BNG. O que fora líder do Bloque afirmou que a organización “ten un despiste monumental e perdeu o norte que non é outro que o proceso de emancipación nacional e social”. Beiras tamén lle volveu botar en cara á dirección o abandono da “interrelación cos movementos sociais”.
As críticas non sentaron nada ben dentro de boa parte do Bloque. Os dous principais grupos organizados dentro da formación frontista (UPG e Máis BNG) consideran que as críticas superan o tolerábel e que chegan á deslealdade. O actual voceiro, Guillerme Vázquez, afeito a medir as palabras cando se refire aos asuntos internos do Bloque asegurou este venres que “o dereito á discrepancia pública estivo algo sobrepasado” e botoulle en cara a Beiras que determinados posicionamentos non se debatan só en clave interna.