O PSOE denuncia a manipulación de datos oficiais e o BNG demándalle á Xunta que non desartelle as dotacións de Monforte, O Salnés, A Mariña e Valdeorras.
"Fai falla botarlle peito para dicir que agora atenden primeiro os doentes máis graves", quéixase Modesto Pose, voceiro de Sanidade do grupo parlamentario do PSdeG. Para Pose resulta "intolerábel" que o Goberno anunciase atención aos pacientes máis graves, algo que á luz das propias cifras oficiais do Sergas "é de todo punto falso".
Ao respecto, recordou o deputado socialista que durante este primeiro ano de Pilar Farjas á fronte da Consellaría de Sanidade a espera aumentou na atención aos pacientes máis graves. Por exemplo, de xeito concreto, a cirurxía cardíaca aumentou de 86 a 92 días, e a cirurxía dermatolóxica –que basicamente corresponde á intervención de tumores-, pasou de 34 a 48 días, os pacientes de neurocirurxía pasaron de esperar 89 a 95 días, e as esperas en xinecoloxía aumentaron 20 días até 71.
Áreas sanitarias comarcais en perigo de desatención
A práctica demostrou que o reforzo das áreas sanitarias comarcais de Monforte, O Salnés, A Mariña e Valdeorras é unha necesidade, mais a estratexia da Xunta non queda clara ao respecto. Baixo a argumentación da presunta mellora de eficacia a través dun modelo de "xestión global", o equipo do PP na Xunta pilotaría o que desde a oposición entenden que é unha clara erosión da atención sanitaria nas mencionadas bisbarras.
Por este motivo, a voceira en materia de Sanidade do grupo parlamentario do BNG, Ana Luisa Bouza, presentou unha iniciativa na Cámara coa que esixe que a Consellaría de Sanidade informe polo miúdo do novo mapa sanitario á vez que reclama que se manteñan as áreas sanitarias de Monforte, o Salnés, A Mariña e Valdeorras, "reforzándoas mediante a súa conversión en áreas integradas".
O Bloque defende que o actual modelo territorial de carácter comarcal é idóneo para a oferta de "máis calidade asistencial" e entende que os recursos humanos e os servizos están así "máis achegados ás necesidades dos habitantes de cada territorio". Xustamente, agora mesmo o Sergas funciona con dúas estruturas, as xerencias de atención primaria, 7 en total, e as xerencias de atención hospitalaria ou especializadas onde a estrutura territorial é de carácter máis comarcal con 11 áreas, entre elas as de Monforte, A Mariña, O Salnés e Valdeorras.
As mudanzas deben ser en prol da mellora do servizo
Partindo da idea de que aceptan que se cree unha xestión integrada do Sergas que coordine a atención primaria e especializada, desde o BNG advirten de que o PP pretendería aproveitar o novo mapa sanitario para "poñer en dúbida o actual sistema integral de atención hospitalaria" e xa que logo as áreas sanitarias comarcais mencionadas.
A deputada nacionalista denuncia o "dobre xogo" de declaracións que desde a chegada ao poder manexa o PP neste sentido, contradicíndose nas súas declaracións os altos cargos da consellaría de Sanidade cos voceiros locais do PP. Ana Luísa Bouza denuncia que a supresión das áreas sanitarias de Monforte, O Salnés, A Mariña e Valdeorras para facelas depender dos centros provinciais implicará na práctica "relegalas e secundarizalas á hora de recibir recursos económicos e humanos". A situación xa provocou a organización de plataformas cidadás nestas comarcas en defensa do mantemento e o reforzo do actual sistema sanitario público.