Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
No Parlamento Europeo

A asociación Libera denuncia o zoo Marcelle Natureza en Bruxelas

O parque, aberto en 2003 en Outeiro de Rei (Lugo), podería estar a incumprir a lexislación relativa á conservación e benestar da fauna silvestre.

Redacción - 19:00 13/04/2010
O parque zoolóxico abriuse en 2003

O parque zoolóxico abriuse en 2003

A Asociación Animalista Libera presentou un escrito no Parlamento Europeo onde denuncia un suposto incumprimento da lexislación estatal e comunitaria relativa á conservación e benestar da fauna silvestre por parte de Marcelle Natureza.

Nun comunicado enviado aos medios, Libera considera que neste parque zoolóxico aberto en 2003 en Outeiro de Rei (Lugo) estase a producir unha situación análoga á que acontece no de Vigo, da que consideran responsábel "a errática actitude que mantén a Consellaría de Medio Rural".

Segundo aseguran, "o zoo lucense alberga varias especies ameazadas de extinción e no entanto non participa en ningún plan de investigación ou conservación, tal e como obriga a Lei 31/2003 no seu artigo cuarto".

Exhibicións con aves

No relativo ao benestar animal, afirma Libera, o parque "presenta varias deficiencias", como a "carencia dun efectivo enriquecemento ambiental" que proporcione unhas condicións de vida axeitadas ás necesidades biolóxicas dos animais, e a "continua realización de exhibicións con aves", situación que cualifican "máis próxima aos circos".

A queixa solicita que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo exixa a Medio Rural un maior control dos parques zoolóxicos no noso país, e unha investigación formal da situación concreta de Marcelle Natureza.


3,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: