Os xuíces sinalan na sentenza que os informes médicos coinciden cos malos tratos descritos polos procesados.
Proceso na Audiencia Nacional
A sentenza da Audiencia Nacional deixa aberto un interrogante sumamente grave no proceso xudicial contra o xornal vasco Egunkaria: As forzas de seguridade torturaron os traballadores detidos? O tribunal nin afirma nin desminte a existencia das mesmas. Aínda así, os maxistrados afirman que non houbo un “control xudicial suficiente e eficiente” das condicións que viviron os detidos mentres estiveron incomunicados.
Os procesados denunciaran diante do xuíz Del Olmo que foran sometidos a malos tratos na comisaría. O maxistrado instrutor fixo caso omiso ás palabras dos traballadores do diario vasco. Mais na sentenza dada a coñecer esta semana dáselle verosimilitude á denuncia de torturas xa que se afirma que os informes médicos coinciden cos malos tratos descritos polos detidos.
Que denunciaron os detidos?
No seu momento aseguraron que axentes da Garda Civil os someteran a diferentes torturas: Bolsas na cabeza, insultos, ameazas, simulación de execucións con pistola, golpes nos testículos...No seu momento (2003), o Ministerio do Interior acusou aos denunciantes de ter feito acusacións falsas seguindo ordes de ETA.
A absolución dos cinco imputados de Egunkaria pecha unha das persecucións máis incomprensíbeis da historia da democracia española. Sete anos despois do peche do xornal en euskera e dun proceso interminábel, a xustiza recoñece que non había vinculación ningunha entre o medio e ETA, tal e como se afirmaba nun principio. Numerosas organizacións a prol dos dereitos humanos e da liberdade de prensa denunciaron por todo o mundo o caso.