O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización, Iolanda Veloso, reuníronse coa responsábel dos fondos en galego.
Xuntanza desta cuarta feira
O Concello de Vigo anunciou unha doazón bibliográfica á Biblioteca Nacional de Francia, en París, logo de se confirmar o interese do centro en crear unha sección de literatura infantil e xuvenil en lingua galega.
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, mantiveron esta cuarta feira unha xuntanza coa xestora dos fondos en galego desta biblioteca francesa, Marie-Isabelle Prado.
Domínguez asegurou que a inauguración desta sección "vai prestixiar a nosa lingua, a nosa creación literaria e difundir a nosa cidade", e informou de que unha delegación do Concello viaxará París coa dotación, integrada por fondos propios e outros achegado por editoriais do país.
Interese do centro parisiense
A iniciativa, explicou, partiu do Clube de lectura de francés da Biblioteca Central de Vigo, que se puxo en contacto coa parisiense, e que para "a súa sorpresa -engadiu Domínguez- mostraron moito interese por crear unha sección bibliográfica de literatura infantil e xuvenil en galego".
Pola súa banda, Iolanda Veloso salientou que o feito de que a Biblioteca Nacional de Francia se interese pola creación desta sección "demostra que o galego é unha lingua universal". Dende Normalización Lingüística, dixo, manterase un estreito contacto para incrementar os fondos, e destacou a importancia de que o galego sexa promovido "máis alá de Galiza".