Durante toda esta semana, expertos no artista participan en 'Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía'.
Os participantes na inauguración das xornadas
O Consello da Cultura e a Fundación Luís Seoane organizan durante esta semana un congreso dedicado ao artista galego. Até o 8 de abril, profesionais da cultura, artistas e profesores universitarios participarán en "Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía", que terá lugar na sede do Consello, en Compostela. O día 9 de abril completarase a programación coa inauguración da exposición "Luís Seoane: a configuración do posible", na sede da súa fundación, na Coruña.
As xornadas tratan de rescatar a figura de Luís Seoane nas súas diferentes vertentes: artista, escritor, deseñador, muralista e xornalista. En palabras de Ramón Villares, é, xunto con Castelao, "a figura máis importante da Galiza do século XX pola súa capacidade de diálogo coa cultura galega e a súa integración na cultura universal". Son a primeira actividade programada polo CCG e a Fundación Luís Seoane co gallo do primeiro centenario do autor, á que lle seguirán en maio, outubro e novembro, outros tantos encontros en colaboración coas universidades.
O congreso inaugurárono o luns o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o do CCG, Ramón Villares, acompañados por Silvia Longueira e Alberto Ruiz de Samaniego, vicepresidenta do patronato e director da Fundación Luís Seoane. A profesora Beatriz Sarlo abriu o ciclo de conferencias, subliñando a arxentinidade de Seoane, "porque deixou unhas marcas tan fondas que forma parte do panorama artístico arxentino".
A conferencia de Sarlo, "As Arxentinas de Seoane", tratou das catro etapas polas que pasou o artista en América: a de creación editorial, a da esfera intelectual, a da convivencia do peronismo e a "Arxentina milagrosa". Despois, María Luísa Sobrino, da USC, falou sobre "O fardel galego de Seoane ata 1936", onde repasou a etapa galega da súa formación, activismo e compromiso.
Na sesión de tarde, Hernán Díaz referiuse ás dificultades que tiveron as "institucións e as redes culturais da emigración galega" para desenvolver unha práctica cultural na lingua propia. Finalmente, Xosé Manoel Núñez Seixas falou da "Política dos exiliados e a política dos emigrados: convivencia e conflito", e a situación que se produciu a finais da década de 1950, cando "xa non existía unha dialéctica entre política dos emigrantes e política dos exiliados", que "esluíu o legado e a influencia" destes últimos.
O programa do xoves 8 contará coas intervencións de: Manuel Castiñeiras, Rosario Portela Yáñez, Arturo Casas e Xosé Luís Méndez Ferrín.