Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Oitava edición do certame cubano

As Almas do Fental e Road to Gibara, pegadas galegas no Festival de Cinema Pobre

"Cine pobre non quere dicir carente de ideas e calidade", subliña o manifesto asinado por Humberto Solás, o finado director ao que o festival honra tomando o seu nome.

Redacción - 11:45 06/04/2010
As almas do Fental está protagonizada por Fernando Morán

As almas do Fental está protagonizada por Fernando Morán

"O intento de globalización acentúa o abismo entre o cinema pobre e un cinema rico. Iso comporta, definitivamente, o perigo da implantación dun modelo único de pensamento, sacrificando o seu paso á diversidade e a lexitimidade do resto das identidades nacionais e culturais". Así o escribiu Humerto Solás, no chamado Manifesto do Cine Pobre que lles convidamos a ler. É un dos principios que impulsan o Festival de Cinema Pobre Humberto Solás, organizado polo Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC), e que toma nome do director cubano falecido en 2008.

Desta volta, a pegada galega nesta cita coa cinematografía irá da man da curtametraxe 'As almas do Fental'. Trátase dun traballo dirixido polo chantadino David Vázquez, que conta a historia dun vello nunha aldea do interior do país a piques de quedar baleira. Un relato sobre o abandono que sofren as aldeas do rural galego e á vez da soidade das persoas maiores.

Á vez, a mostra paralela de documentais que terá lugar no transcurso do festival acolle a proxección de Road to Gibara, unha coprodución galego-cubana. O traballo está realizado polo colectivo de mulleres cineastas W.in.c films (Women´s independent collective films), que ten á galega Sabela Pernas entre as súas fundadoras. En vinte minutos, Road to gibara mostra dende unha óptica persoal, novidosa e diferente a experiencia no festival das catro integrantes do colectivo durante a súa edición do ano pasado.

O festival terá lugar en Gibara entre o 19 ó 25 de Abril, e proxectará obra de directores de Colmobia, Arxentina, Estados Unidos, Israel ou Perú, entre outros.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: