Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Robótica

Un científico xaponés presenta o androide máis realista

O Geminoid F representa unha muller duns 20 anos e reproduce de xeito perfeccionado expresións faciais.

Redacción - 13:23 05/04/2010
A androide Geminoid F

A androide Geminoid F

O especialista xaponés en robótica Hiroshi Ishiguro presentou a súa última creación: un androide feminino, chamado Geminoid F, que se achega máis ca nunca á aparencia dunha persoa real. O robot representa unha muller duns vinte e tantos anos con cabelo longo que pode rir, sorrir e amosar outras expresións faciais con máis naturalidade cás anteriores creacións de Ishiguro.

O profesor da Universidade de Osaka xa creara anteriormente un androide, réplica de si mesmo, o Geminoid HI-1, controlado por control remoto. A súa nova robot tamén se controla do mesmo xeito. Ishiguro demostrou publicamente como pode imitar expresións faciais dunha persoa que sente diante dun computador cunha cámara e un software especial de recoñecemento.

O androide fabricouno o equipo da Ishiguro, tanto na universidade como na empresa ATR Intelligent Robotics and Communication Laboratories, co apoio da compañía Kokoro, especializada en animatrónica e en androides ultrarrealistas. O desenvolvemento centrouse en conseguir un robot que represente expresións "convincentes" e "naturais" co menor número de actuadores posíbel, neste caso, só 12. Tamén reduciron o seu custo, que aínda así quedou en algo máis de 80 mil euros.

Os creadores do robot afirmaron que se poderá usar en situacións da vida real, como en hospitais. Así, poderían axudar a pacientes que precisen axuda psicolóxica. Ishiguro non quixo desvelar a identidade da modelo empregada para crear o Geminoid F. As súas anteriores creacións inspiráronse, ademais de nel mesmo, na súa filla de catro anos e nunha presentadora de televisión xaponesa. A canle pública emitiu unha reportaxe sobre o androide.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: