Aproba o Estudo de Impacto Ambiental para unha explotación de andalucita, un proxecto que fora rexeitado polo bipartito.
Fervenza do Pico Vello (As Pontes)
A Consellaría de Medio Ambiente concedeu a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) ao proxecto presentado por Picobello Andalucita para a explotación deste mineral que se emprega fundamentalmente na industria metalúrxica nunha zona próxima ás Fragas do Eume, na parroquia de Goente, no Concello das Pontes.
Hai catro anos, este mesmo estudo (con algunhas modificacións) fora desbotado polo goberno bipartito ao entender que tiña unhas graves consecuencias sobre o parque natural. Agora, a Xunta considera que a iniciativa é “ambientalmente viábel”, polo que a empresa só agarda polo permiso de Industria para comezar o proceso de compra de terreos ou expropiacións.
Rexeitamento dos ecoloxistas
Os colectivos Adega, Club de Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, Federación Ecoloxista Galga, Fusquenlla, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, O Rabo do Galo, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia manifestaron xa a súa “absoluta oposición” ao proxecto, ao que se se opuxeran en 2007, por “supoñer a destrución do nacemento do Río Belelle e afectar gravemente ao Parque Natural”.
Explican que a DIA “está chea de erros e incongruencias” e non contén modificacións significativas co proxecto rexeitado polo anterior goberno e lamentan que a Xunta “pase agora por riba da lexislación ambiental, tanto autonómica como estatal e comunitaria”.
Afeccións no medio ambiente
Sosteñen que os perigos ambientais “seguen presentes no proxecto” que, de levarse a cabo, suporía a “destrución definitiva e irreversíbel do nacemento do Río Belelle”. Explican que non se cumpren os requisitos legais (Real Decreto 2857/78 que aproba o Regulamento Xeral para o Réxime da Minaría) que dispoñen que non se poden levar a cabo este tipo de actuacións a menos de 100 metros de nacementos de auga, canais ou fontes públicas. En consecuencia, vaticinan graves afeccións sobre a calidade das augas bombeadas do río, que abastecen os concellos de Neda e Ferrol.
Denuncian tamén que a mina a ceo aberta afectara a un refuxio dunha flora e fauna dunha grande riqueza, nalgúns casos como o do felgo macaronésico, especies que están ameazadas en Galiza. Asemade, subliñan que a zona de explotación se sitúa “xusto sobre unha fraga autóctona”, de máis de 25 hectáreas, que tamén desaparecería.
Finalmente, recordan que o Monte Fontardión, ao pé do que se situará a explotación, é o único corredor ecolóxico entre o Parque natural das Fragas do Eume e o Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro e que a aprobación desta DIA entra en conflito coa proteccción, conservación e mellora do río (prevista na Lei 5/2006 de 30 de xuño).