Estréase na G2 un documental con testemuñas sobre a apaixoante vida do dezao emigrado a América.
Este sábado pola noite estréase na segunda canle da TVG Lupe en tránsito, Destino D. Juan Orol, un documental sobre o cineasta galego-mexicano. O traballo, dirixido por Marce Magán, conta a historia dun lalinense que acabou sendo director, actor, produtor e guionista de máis de medio cento de filmes, en que plasmou un universo de aventras que viviu como pitcher de béisbol, piloto de carreiras, boxeador, toureiro ou axente secreto.
En pouco máis de 50 minutos resúmese a turbulenta vida de Orol, fillo ilexítimo, emigrado a América e feito a si mesmo, construíu unha cinematografía de autor, surrealista e que chegou a caricaturizar involuntariamente o cine negro. Casou cinco veces con mulleres 30 anos máis novas que se converteron nas estrelas dos seus filmes.
Xiana Carracelas interpreta o papel de Lupe, moza investigadora que decide achegarse á vida dese todoterreo, procurando as poucas pegadas que quedan del en Galiza e analizando a súa vida e obra, que case coinciden fotograma por fotograma. No documental amósanse fragmentos de filmes de Orol.
Lupe en tránsito ten guión de Xes Chapela e Marce Magán e rodouse entre novembro e decembro de 2009 a cabalo de Lalín, Sada, Oleiros, A Coruña, Ferreira do Valadouro, Santiago e Lugo. A estrea televisiva está prevista para as 23:20 horas.