Con municipios e ecoloxistas en contra, o proxecto de construción do embalse e o seu Estudo de Impacto Ambiental sae á luz no BOP de Lugo.
O río Navia xa soporta tres presas e catro centrais hidroeléctricas
Un mes a partir deste mércores 31 de marzo. Este é o prazo aberto para presentar alegacións contra o proxecto de construción do salto de Suarna, un encoro que afectará os concellos da Fonsagrada e Navia. A sociedade Saltos de Navia continúa coa tramitación deste encoro, para o que ten unha autorización concedida hai 58 anos, en pleno franquismo (1952), e que ocupará espazo protexido pola Rede Natura.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo deste martes recolle a solicitude feita pola empresa para modificar a concesión, para o que presentan o proxecto de construción e o Estudo de Impacto Ambiental (EIA). Estes documentos poden ser examinados na Confederación Hidrográfica do Cantábrico (Oviedo), onde se han de facer explícitas as alegacións e consultas. O proxecto prevé o aproveitamento hidroeléctrico do salto de Suarna, no que pensan producir case 150 megawatios e ocupar 1.065 metros cadrados, exactamente na fronteira entre Lugo e Asturias (considerado Lugar de Importancia Comunitaria).
Ecoloxistas e municipios, en contra
A promotora da obra xa recibiu en reiteradas ocasións a oposición tanto dos ecoloxistas como dos concellos da Fonsagrada e Navia, que consideran que o encoro danaría seriamente a contorna do río Navia, un río que xa soporta tres presas e catro centrais hidroeléctricas (o 40% do seu cauce, uns 45 quilómetros, xa está embalsado).
Pola súa parte os alcaldes de Navia, Xosé Fernández, e A Fonsagrada, Arxelio Fernández, xa amosaron a súa oposición e adiantaron que loitarán con todos os medios legais ao seu alcance para que non se faga. Se ben o proxecto prevía inicialmente (en 1951) asolagar o concello de Navia, as protestas xeneralizadas daquela fixeron que se modificase en 1963. A obra que se propón agora non afecta a territorios poboados, mais si a lugares considerados de grande riqueza paisaxística. Na pasada lexislatura, o bipartito prometera mediar co Estado para que non se atendesen as demandas da eléctrica (Sociedad Saltos de Navia, asociada con Hidrocantábrico e Enel Viesgo), mais queda por ver agora cal será a resposta do actual Goberno.